O terceiro satélite con selo vigués xa está en órbita

venres, 18 de setembro do 2015 Redacción

Momento de lanzamento do Serpens desde Kibo

O terceiro satélite con selo vigués, despois do Xatcobeo e Humsat, xa está en órbita e voando por enriba das nosas cabezas. Trátase do aparello chamado SERPENS (Sistema Espacial para Realizaçao de Pesquisas e Experimentos com Nanossatélites), deseñado pola Agrupación Aeroespacial da UVigo en colaboración coa Axencia Espacial Brasileira e con outras institucións de ensino superior do propio Brasil, Estados Unidos e Italia. SERPENS, como lembraremos, ten a súa orixe en 2013 e diríxese a facilitar o acceso á tecnoloxía aeroespacial das universidades do país irmán, Brasil. Este mesmo 17 de setembro púxose finalmente en órbita. O primeiro pase útil do satélite por Vigo producirase ao longo deste venres.

Investigadores da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo na estación de seguimento o pasado mes de agosto

A diferenza con respecto aos anteriores lanzamentos radica en que os integrantes da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, capitaneada polo profesor Fernando Aguado, non puideron seguir en directo o intre da inxección en órbita. Porén, segundo informa a UVigo, reuníronse na estación de seguimento da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación para seguir ao minuto o que estaba a acontecer na Estación Espacial Internacional (ISS). Cando pasaba un minuto das dúas da tarde, chegaron dende Xapón os parabéns e a constatación de que a manobra de lanzamento, realizada desde o módulo xaponés Kibo mediante o JSSOD, o lanzador para cubesats desenvolvido pola Axencia Espacial Xaponesa, JASA, fora “un éxito”, reflicte a Universidade de Vigo.

Os enxeñeiros Alberto González, Antón Vázquez e Diego Nodar co Serpens

Unha vez rematada esta fase de posta en marcha, que pode durar varios días, comezará unha nova na que se tratará de “comprobar o estado de saúde do satélite e dos seus sistemas”, informan os responsábeis da Agrupación, que engaden que se todo sae ben, “acenderase a carga útil do sistema e comezaranse a realizar as primeiras medicións”. E engaden: “Despois, ao cabo de outra semana, iniciaranse as probas para recibir datos desde os diferentes sensores de baixo custo, situados tanto en Brasil como en España”. O obxectivo é facer probas para seguir, entre outras cousas, parámetros da conca hidrográfica do Amazonas, “así como outros datos de carácter climático ou industrial”, xa que o proxecto SERPENS abrangue a instalación de terminais en diferentes puntos do Brasil, as que suman as existentes en Vigo ou en Pontevedra, froito do convenio asinado entre a Universidade e o concello pontevedrés.

PUBLICIDADE