O telecentro de Brión informa dunha alta participación da veciñanza para obter a credencial europea de manexo do computador

mércores, 25 de setembro do 2013 Redacción

Rodrigo Boado (esquerda) examinouse con éxito do primeiro módulo do ECDL

Dende o telecentro de Brión (pertencente á Rede CeMIT) informan do comezo das probas para acadar a credencial do European Computer Driving Licence (ECDL), traducido ao galego Acreditación Europea do Manexo do Computador, un certificado internacional que avala o coñecemento en ferramentas informáticas de uso común de quen o acada. As ditas probas, engádese dende o telecentro, “comezaron con forza este ano académico, e así, nun mes escaso de curso rexistrouse un intenso ritmo de un exame por semana”.
Culpa disto, engádese, téñena en parte as titorías do venres, proxectadas para que os veciños poidan recuperar días perdidos de clase e repasar o aprendido ao longo das xornadas previas. Estas titorías serviron pois para darlle un pulo importante ao proceso de obtención da dita credencial, xa que unha boa parte dos exames lévase a cabo no tempo da titoría. “O ultimo exemplo disto”, sinálase dende o telecentro, “é o de Rodrigo Boado, que o pasado venres superaba o primeiro módulo do ECDL, sendo o único en facelo cun 100% de respostas acertadas”. Por certo que Rodrigo foi un dos técnicos que participou na montaxe do telecentro brionés hai uns anos, e agora no seu labor docente precisa da devandita credencial europea no manexo das ferramentas básicas do computador.

PUBLICIDADE