O superordenador do CESGA será un referente mundial en materia de cálculo científico

luns, 27 de novembro do 2006 Raquel Noya

A partir do cuarto trimestre do vindeiro ano, o Centro de Supecomputación de Galicia (CESGA), contará entre as súas instalacións co supercomputador Finis Terrae, o máis potente de Europa en canto a memoria compartida, polo que probablemente acabe por convertirse nun referente mundial de cálculo científico e técnico.
O proxecto, no que se investirán un total de 60 millóns de euros, foi aprobado polo Consello de Ministros, que lle autorizou ó Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) dotar ó CESGA dunha cantidade de 19.450.010 euros para a instalación do devandito supercomputador nas súas instalacións de Santiago de Compostela. Finis Terrae, que será fabricado por HP, estará integrado por 2500 procesadores Intel de última xeneración e disporá dunha memoria de 19 Terabytes, o que lle permitirá realizar 16 millóns de operacións por segundo.
A través desta infraestrutura de supercomputación de cálculo intensivo, a comunidade investigadora (tanto galega como española e internacional), poderá resolver problemas que até o de agora non se acadaban cos medios actuais.

PUBLICIDADE