O supercomputador Clara do Escorial, posible causa de doenzas canceríxenas

xoves, 2 de novembro do 2006 Raquel Noya

Aínda que leva o nome dunha inofensiva e inocente protagonista de debuxos animados, a supercomputadora Clara semella máis ben a creación dun científico tolo por rematar coa humanidade. E é que este ordenador do Centro de Procesos de Datos de El Escorial en Madrid está a ser investigado polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Dirección Xeral da Policía por ser teoricamente o causante de 12 casos diagnosticados de cancro entre os traballadores do centro nos últimos cinco anos.
A investigación comezou logo de que o Sindicato Unificado da Policía (SUP) denunciara o alto índice de doenzas tumorais que se estaban a dar no centro do Escorial, o maior de España, e no que os funcionarios están expostos a unha gran carga de radiacións presentes nas instalacións de alta tecnoloxía.
Segundo o SUP, só entre maio do pasado ano e xullo de 2006 foron diagnosticados cinco casos de cancro entre os traballadores do edificio. Cifra á que hai que sumar outros dous casos ós que se lles detectou cancro nas últimas semanas e outros cinco empregados que faleceron no último lustro a consecuencia de enfermidades tumorais, dous deles no 2006.
En total son 12 os casos de cancro diagnosticados nun equipo formado por 250 persoas e non só iso: ademais, 30 mulleres das 60 empregadas no Escorial foron sometidas a operacións de histerectomía (extirpación do útero) tras serlle detectadas tumefaccións de diversa natureza.
Na actualidade, este centro do Escorial, alberga un dos meirandes ficheiros de arquivos de todo o Estado e no ordenador coñecido como Clara almacénanse tódolos datos do Documento Nacional de Identidade de cada español. Pasará aínda algún tempo antes de que poidamos enxergar se –de xeito paradoxal– o causante destas doenzas no persoal é finalmente un ordenador que loita contra a delincuencia.

PUBLICIDADE