O sucesor de Megaupload verá a luz este sábado

venres, 18 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Os servidores de Mega xa levan uns días totalmente operativos

Esta fin de semana un fenómeno promete ter un forte impacto na Internet, pois celebrando o primeiro aniversario da redada na mansión de Kim Dotcom e o peche de Megaupload, vai estrearse oficialmente Mega, un novo servizo de almacenamento na nube cunha grande velocidade de acceso, con modalidade de pagamento e de balde e cun método criptográfico que faría practicamente coñecer os contidos almacenados incluso para os propios administradores do sistema (o que pode considerarse como unha blindaxe legal ante futuras denuncias, xa que serán os usuarios os responsables do que compartan nesta nova plataforma, e non os seus administradores).
O propio Kim Dotcom adiantou que os usuarios de balde poderán gozar de 50 Gb de almacenamento en liña (o que parece que pode supor unha seria ameaza para servizos como Dropbox) e algúns medios como TechCrunch xa están a adiantar as tarifas dos distintos plans de pagamento que serían: Pro I con 500 Gb de almacenamento, 1 Tb de largo de banda e un prezo de 9,99 euros/mes; Pro II con 2 Tb de almacenamento, 4 Tb de largo de banda e un prezo de 19,99 euros/mes; e Pro III con 4 Tb de almacenamento, 8 Tb de largo de banda e un prezo de 29,99 euros/mes.
Esta nova plataforma tamén contará cunha completa documentación da súa API no seu SDK para facilitar a súa integración en aplicacións de terceiros, contará con aplicacións cliente nas plataformas móbiles e de escritorio máis populares e incluso podería competir con servizos como Google Docs con proceso de textos, calendario e folla de cálculo.
O servizo botará a andar durante a xornada do sábado, e polo que comentan os que puideron ter un acceso preliminar, aínda está nunha fase de probas, polo que tardaremos en ver todo o seu potencial, pero non hai dúbida en que vai supor toda unha revolución para os servizos de almacenamento en liña do que haberá que agardar un tempo para ver se realmente toma o relevo de Megaupload como o servizo máis impopular entre a industria audiovisual que culpaba a tal plataforma de boa parte dos seus males por facilitar o intercambio de música e películas dun xeito bastante áxil.

Aparencia de Mega segundo unha captura de pantalla publicada por Kim Dotcom a través de Twitter

PUBLICIDADE