O sucesor de Megaupload estrearase o 19 de xaneiro de 2013

venres, 26 de outubro do 2012 Marcus Fernández

O pasado 19 de xaneiro foi a data na que as autoridades dos EE.UU. emprenderon unha polémica actuación na que botaron abaixo o popular servizo Megaupload, acusando ao seu fundador, Kim Dotcom, de numerosos delitos con argumentos pouco sólidos e executando unha complexa operación en Nova Celandia que segundo foron avanzando os meses foi véndose que estivo chea de ilegalidades, de aí que o responsable de Megaupload estea xa a preparar o relevo ao seu servizo de almacenamento de ficheiros a través da Rede, que agora coñecerase como Mega, e que vén de anunciar en Twitter que chegará coincidindo co primeiro aniversario da data na que rexistraron a súa mansión.
Kim Dotcom xa adiantara que a nova plataforma estaba a piques de rematar o seu desenvolvemento, aspirando a converterse nunha rede global masiva que destacará por empregar un algoritmo de codificación AES, de xeito que os contidos quedarán ocultos incluso para os administradores de Mega, de xeito que os usuarios serían os responsables últimos da súa publicación a través da Rede, no que poderiamos considerar que será un servizo que será a proba de denuncias e que tamén dificultará enormemente as reclamacións por vulneración do copyright, xa que estas deberán realizarse ficheiro a ficheiro (un documento subido a Mega por 2 usuarios distintos serían diferentes por estar codificados con chaves AES distintas, polo que non sería posible a localización de duplicados como se fai actualmente con outras plataformas de publicación de contidos audiovisuais).
Polo momento no se coñece o dominio de Internet que empregará o novo Mega, pois parece evidente que non será posible recuperar o vello Megaupload así como os contidos que albergaba anteriormente.

PUBLICIDADE