O software libre ponse a disposición dos traballadores autónomos

venres, 11 de febreiro do 2011 Raquel Noya

No marco do I Congreso Nacional de Software Libre no Traballo Autónomo, celebrado recentemente en Madrid, o colectivo de persoas que traballan por libre en España, puideron comprobar de primeira man os beneficios que supón empregar software libre en lugar de software privativo ou pirata, que incrementa os custes e non mellora a xestión empresarial.
O congreso nace da iniciativa da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA) e, entre outros colaboradores, contou co apoio de CENATIC, o Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en Fontes Abertas, que achegou os seus coñecementos e experiencia neste eido.
Durante a presentación do Congreso, o secretario xeral de UPTA, Sebastián Reyna, louvou as características do software libre e apuntou que a integración das tecnoloxías libres no día a día dos autónomos traducirase “nunha maior produtividade e competitividade no conxunto do tecido laboral e mellores rendementos dos seus procesos de tratamento da información, non só nas empresas e PEMES, senón tamén na súa relación coa Administración”.
No mesmo acto, o director xerente de CENATIC, Miguel Jaque, fixo fincapé nas vantaxes que o software libre produce en canto a produtividade e eficiencia tecnolóxica e sinalou que o que lle ofrecen ao colectivo de autónomos é “un produto dunha calidade contrastada e garantizada pola satisfacción dos seus usuarios, que acada o 80 por cento”.
Dende esta entidade tamén afirman que o software libre é “ideal” para mellorar a competitividade dos autónomos españois posto que “son tecnoloxías plenamente legais, máis baratas, cunha maior calidade, posibilidade de soporte local e de doada adquisición na Rede”.

PUBLICIDADE