O software libre chega aos concellos españois da man de CENATIC

luns, 28 de decembro do 2009 Raquel Noya

CENATIC, o Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en fontes abertas, e ASOLIF, a Federación Nacional de Empresas de Software Libre, veñen de asinar un acordo para a posta en marcha do proxecto ALIAL (Aplicacións Libres para Administracións Locais), unha iniciativa promovida por Red.es para tratar de levar a administración electrónica a todos os concellos de España, empregando para elo ferramentas baseadas en fontes abertas.
O acordo, que conta cunha achega económica a partes iguais por ambas as dúas entidades, ten como principal obxectivo mellorar a actual dinámica de contratación de tecnoloxía por parte das Administracións Locais, co fin de garantir que sexa técnica, legal e procedementalmente viable para que os concellos españois poidan compartir as súas solucións tecnolóxicas. Para iso, debe garantirse que esas solucións sexan interoperables, seguindo formatos e estándares abertos, accesibles e baseadas en software libre.
Neste sentido o proxecto ALIAL, segundo informan os seus responsables, “permitirá asesorar as administracións locais en materia de licitación e posterior contratación de desenvolvementos de software”. Como núcleo da primeira fase deste programa, publicarase unha Guía de Boas Prácticas de Licitación para proxectos de desenvolvemento de software e servizos TIC libres e de código aberto, que poderá ser empregada por calquera administración local e asemade farase un estudo de todo o software libre dispoñible na actualidade orientado aos concellos, facendo especial fincapé nos de menor tamaño.
Outro dos obxectivos deste proxecto, que enumeraba o director xeral de red.es, Sebastián Muriel na presentación do mesmo, é “poder levas ás administracións locais os beneficios que o uso de tecnoloxías libres e de fontes abertas lles poden aportar no referente á liberación de aplicacións, o uso e a compartición das mesmas”.

PUBLICIDADE