O software galego eHabilis Connect permite xestionar as accións formativas asignadas polo SEPE

luns, 3 de novembro do 2014 Redacción

Medra a familia eHabilis, a plataforma galega de e-learning na nube, a día de hoxe unha das primeiras contornas de aprendizaxe social e colaborativo do mercado. Segundo nos contan os responsábeis da plataforma, xa está dispoñíbel un novo produto para xestionar as accións formativas que asigna o Servizo Público de Emprego a academias ou centos de formación. Falamos de eHabilis Connect, un software que lles permite a estes espazos docentes ter ben visíbeis as actividades do dito servizo (SEPE) con vistas á obtención de certificados de profesionalidade.
En palabras de Brais Martínez, xefe de produto de eHabilis, estamos ante un servizo que nace co obxectivo de cubrir as necesidades detectadas nos centros de formación por mor da publicación do Real Decreto 189/2013, de 15 de marzo e a Orde Ministerial ESS/1897/2013, de 10 de outubro, nos cales quedan reflectidos os requisitos esixidos pola SEPE ás plataformas de teleformación destinadas a desenvolver accións formativas para a obtención de certificados de profesionalidade”. Segundo esta lei, desde 2014 os centros que leven a cabo este tipo de iniciativas docentes “deberán contar cun software que lles permita realizar a xestión das accións formativas e ao mesmo tempo permitir un seguimento automatizado por parte do SEPE”. Neste senso, eHabilis Connect preséntase como “a primeira aplicación específica que conecta de xeito automático os principais acubillos de teleformación, como eHabilis, Moodle, Dokeos ou Claroline, con esta entidade en cuestión”.
Xa a un nivel máis concreto, eHabilis posibilita ás academias e e os centros xestionar “de maneira automática e centralizada todo o que leven a cabo en materia de obtención de certificados de profesionalidade”. A ferramenta rexistra accións formativas, titores, especialidades ou alumnos, e todo co obxectivo de xerar paquetes de datos consultábeis ao momento e do xeito máis doado e accesíbel por parte do Servizo Público de Emprego.
Ademais, pon a disposición dos centros un sistema de alertas sobre a formación e a súa validación polo SEPE e, tamén, un servizo de soporte con canle propia para canalizar dúbidas, recibir asesoramento e informar da nova normativa que publique o SEPE. Por outra banda, achégase firmemente asentada na nube (non precisa instalación e garante ao mesmo tempo a seguridade dos datos, “co fin de permitir que o centro se despreocupe de cuestións técnicas para centrarse na formación”, sinala Brais Martínez).
A plataforma eHabilis Connect foi desenvolvida por Sdweb – Innovative Digital Solutions, a mesma factoría tecnolóxica que se encarga de deseñar comercializar a plataforma de aprendizaxe social eHabilis. Esta orixe común, engade Brais Martínez, fai que Connect se integre “á perfección con esta plataforma, pero non se limita só a isto senón que vai máis aló, ampliando o seu radio de acción a outras plataformas como Moodel, Dokeos ou Claroline”.

PUBLICIDADE