O sistema Miavizor xa dá servizo a 400 persoas maiores da nosa terra

luns, 5 de xaneiro do 2015 Redacción

O proxecto Miavizor, deseñado por un equipo de investigadores da USC para o seguimento e control dos hábitos de vida das persoas que viven soas no rural, xa dá servizo a arredor de 400 usuarios. Esta tecnoloxía de atención telemática, que permite fixar perfís e detectar anomalías na forma de actuar das persoas maiores ás que atende (con tempo de antelación de abondo como para evitar accidentes), vén da man da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario (PsiCom) e ten entre as súas previsións chegar en 2015 a medio milleiro de fogares e arredor de 150 concellos galegos.
O seu sistema de funcionamento é o seguinte: se non se atopa actividade algunha no fogar onde vive unha persoa maior, ou se detecta algo inesperado, ao momento establécese contacto cos familiares directos ou cos coidadores (subministro de alarmas) para que estes comproben se todo vai ben a través das canles e recursos que teñan ao seu alcance, ben por vía telefónica ben acudindo en persoa ao fogar da persoa monotorizada. Se se certifica que puido haber algunha caída ou algún problema de calquera índole, de contado se lles fai saber aos servizos de urxencias.
O servizo Miavizor están en marcha dende comezos de 2013. Arestora atópase en activo, principalmente nas provincias de Ourense en Lugo, que é onde máis se concentran as persoas de idade que viven soas nos seus domicilios, sobre todo no rural. A iniciativa implica, entre outras cousas, a instalación duns sensores nas casas dos usuarios que permiten que persoas próximas a aqueles poidan coñecer de primeira man como se atopan. Non hai límites para isto: a través dos sistemas de Miavizor podemos estar en calquera parte do mundo e, ao mesmo tempo, ter conta dos nosos maiores nos seus domicilios de orixe.
Por certo que esta tecnoloxía da USC tamén posibilita detectar os hábitos diarios de alimentación do usuario, a través dun sensor localizado na neveira, ou os hábitos de sono, mediante sensores na habitación.
O sistema salienta ademais pola súa atención integral, (ao actuar de xeito ininterrompido as 24 horas do día e os 365 días do ano), pola facilidade de uso por parte dos profesionais, pola a sinxela instalación e polo feito de non alterar a intimidade dos maiores monitorizados.
Segundo informou na súa posta en marcha o director da PsiCom, Jesús Varela, este servizo de teleasistencia “é o máis completo de Europa, e será instalado en 500 fogares de Lugo e Ourense ata decembro do ano 2015”, engadiu.

PUBLICIDADE