O sistema IANUS, exemplo de boas prácticas segundo unha nova revista europea sobre innovación na saúde

mércores, 26 de decembro do 2012 Redacción

Este Nadal toca falar de recoñecementos á innovación sanitaria galega. Segundo puidemos saber os días pasados, unha das reportaxes estrela do primeiro número da revista HIMSS Insights Europa céntrase en boa medida en debullar o sistema de información corporativa para a xestión da historia clínica electrónica galega, o chamado IANUS, e máis a aplicación do Plan de Tecnoloxías da Información da sanidade pública galega. Na devandita reportaxe, ámbalas iniciativas galegas figuran citadas como exemplos de boas prácticas no camiño de aplicar a eAdministración no eido da saúde.
Lembrar que o sistema IANUS, segundo informamos dende Código Cero a pasada primavera, experimentou en 2011 un crecemento do 39% en usuarios, chegado aos 14.000 profesionais sanitarios, e dun 50% no número de accesos, acadando os 2,5 millóns.
O grupo HIMSS (Healthcare Information and Management Systems Society) é unha asociación sen ánimo de lucro con seccións en Estados Unidos, Europa e Asia e que conta con 44.000 asociados individuais rexistrados e máis de 100.000 participantes en redes sociais. HIMSS celebra cada ano en Estados Unidos unha conferencia na que expertos mundiais avalían o futuro da atención da saúde e aborda a mellora asistencial e o compromiso co paciente a través da aplicación das novas tecnoloxías no campo da saúde.
No artigo en cuestión asegúrase que Galicia “lidera o camiño dunha implantación de éxito na tecnoloxía no ámbito sanitario”. Tamén se destaca que o SERGAS dedica aproximadamente o 1% do seu orzamento para a informática da saúde.

PUBLICIDADE