O simposio Urban Solutions presentará en Santiago como serán as cidades do futuro

martes, 12 de setembro do 2023 S. P.

Roberto Carlos González

A Cidade da Cultura de Santiago acollerá do 4 ao 6 de outubro a segunda edición do simposio Urban Solutions, organizado pola Agrupación industrial de Enerxías Renovables de Galicia (CLUERGAL). Durante tres días, daranse cita no complexo do Gaiás algúns dos máis destacados profesionais e das empresas máis innovadoras da Península Ibérica, que aproveitarán para presentar ás administracións e ao público en xeral os seus últimos avances para o deseño, planificación e desenvolvemento da transformación tecnolóxica dos espazos urbanos.
“Queremos dar a coñecer o coñecemento dos profesionais e a empresas que se encargarán de definir, deseñar, planificar e crear unha urbe eficiente, intelixente, conectada, innovadora e accesíbel para os cidadáns”, explica Roberto Carlos González Fernández, director de Urban Solutions. “Os asistentes ao simposio poderán coñecer todo sobre as tendencias e as mellores solucións técnicas para as cidades en eidos como o enerxético, a mobilidade, os parques urbanos, as infraestruturas, a sustentabilidade e a iluminación”, engade Roberto Carlos González.

Oriol Sarmiento

Pola súa banda, Oriol Sarmiento Díez, xerente de CLUERGAL destaca que “Urban Solutions é un importante foro de coñecemento sobre todo o que teña que ver coas cidades do futuro, abordando temáticas de tanto interese como a enerxía, a iluminación, a mobilidade, os parque urbanos, as infraestruturas ou a sustentabilidade. Sectores que sempre se manteñen á vangarda do desenvolvemento e da innovación polo que necesitan de simposios como este de Santiago de Compostela para difundir ese coñecemento e servir de punto de encontro para os diferentes axentes do sector”.
Para mostrar todas estas novidades, Urban Solutions contará cun variado e relevante programa de relatorios. A maiores, contarase cunha zona de exposicións, onde as empresas poderán expoñer os seus produtos e servizos, así como establecer contacto con clientes e prescritores.
“Durante tres días poderemos adquirir novos coñecementos e, como non pode ser doutra maneira, teremos tamén moito networking a través de reunións, cafés, xantares e ceas. Será unha oportunidade perfecta para coñecer como serán as cidades do futuro e os especialistas que están chamados a cambialas”, adianta Oriol Sarmiento.
Durante o evento entregaranse ademais os II Premios Parques Urbanos e os I Premios de Iluminación, que recoñecerán as mellores prácticas en proxecto, deseño, execución, uso e mantemento dos parques urbanos e das instalacións de iluminación realizadas polos profesionais do sector. Dous concursos nos que participan municipios, entidades territoriais e actuacións privadas de todo o territorio nacional.

PUBLICIDADE