O servizo galego Menus.es competirá con 40 iniciativas estatais na recta final do Premio Emprendedor XXI

mércores, 11 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Roi Correa recolleu o Premio Emprendedor XXI Galicia de Web Menus, S.L.

Logo de que a iniciativa da nosa terra Menus.es fose recoñecida co Premio Emprendedor XXI, edición galega, ao devandito servizo abríuselle a porta para concorrer, xunto con 40 novas empresas de toda España, na convocatoria estatal do certame. Estes 41 finalistas que optan ao Premio Emprendedor XXI, promovido por La Caixa e ENISA, serán avaliados polo miúdo por un xurado de expertos que xa adiantaron uns cantos elementos comúns a tódalas iniciativas: o seu alto nivel de innovación e o gran potencial de medre das compañías, todas elas con menos de sete anos de traxectoria.
Menus.es, a única representante galega, é unha plataforma que achega información, decote e actualizada, de menús e cupóns desconto de establecementos de hostaleiría xeolocalizados de toda España. Lembrar que os 41 finalistas son os gañadores autonómicos da categoría emprendesXXI, que recoñece as mellores empresas en fases iniciais (menos de dous anos), sendo as 24 restantes as que conseguiron chegar á final a través da modalidade crecesXXI, que recoñece ás empresas en fase de crecemento (de 2 a 7 anos). Máis da metade dos finalistas pertencen ao sector das novas tecnoloxías da información. Máis en concreto, son 23 as empresas dedicadas ao desenvolvemento de novas ferramentas e aplicacións nos eidos da saúde e da educación. O segundo sector con meirande representación é o industrial, que inclúe proxectos de enxeñaría aeronáutica, enerxías renovábeis ou investigación en novos materiais. Para La Caixa e ENISA, é importante salientar a boa evolución económica das empresas finalistas, como probas, en si mesmas, de que é posíbel ir a contrapelo da crise e albiscar futuros en clave positiva. O 90% dos gañadores na categoría de empresas en fase incial xa factura, malia o seu carto percorrido andado, de menos de dous anos, máis de 100.000 euros anuais.
O fallo do Premio Emprendedor XXI está previsto para outubro de 2012.
Volvendo a Menus.es, lembrar que é unha proposta empresarial constituída en 2011 que ofrece información actualizada de menús, cupóns de desconto e restaurantes xeolocalizados de toda España a través da plataforma web do mesmo nome. Os usuarios poden acceder a información relativa ao menú de cada restaurante, distancia á que se atopan, prezo do prato, restaurantes concretos ou menús de distinta tipoloxía, entre outras posibilidades. Arestora xa desenvolven o seu labor no seo da empresa trece persoas, tres en Lugo, nove en Coruña e unha en Madrid, estando prevista a incorporación de dúas máis de xeito inmediato, informa a USC.

PUBLICIDADE