O servizo de saúde británico bota man de tecnoloxía sen fíos para as transfusións

martes, 10 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

A tecnoloxía de acceso á rede sen fíos vai alén de achegar máis comodidade e máis universabilidade nas nosas conexións á Internet. En realidade, e malia os informes que nos últimos tempos apuntan a unha suposta perniciosidade do seu uso en determinados espazos, mesmo pode ser útil en lugares onde todo (en maior ou menor medida) está posto ao servizo de salvar vidas. Entre estes lugares atópanse os centros de innovación e de desenvolvemento do NHS (o National Health Service británico), onde se está a dar forma a un sistema dirixido a facer rastrexo de órganos e sangue para transplantes.
O servizo por si mesmo non tería porqué figurar nunha web de novas tecnoloxías como a nosa se non fose por un pequeno gran detalle: o sistema Bio-Track (pois así se chama a aplicación de buscas) apóiase en tecnoloxía de acceso á información sen fíos. Cómpre sinalar que amais do rastrexo, tamén permite avaliar a temperatura axeitada de órganos e sangue, función especialmente importante durante o transporte dos mesmos.
Segundo se conta en Lavidawifi, é moi posible que haxa un antes e un despois logo da chegada desta tecnoloxía ao ámbito sanitario e máis concretamente das transfusións. De feito, sinálase, previamente á chega de Bio-Track era preciso empregar tempo e esforzos na apertura dos caixóns para comprobar os termómetros. Porén, agora abonda con facer exames da temperatura nos computadores ou dispositivos móbiles en virtude do sistema de rede sen fíos. Isto é posible grazas á inclusión en cada caixa ou mostra dunha célula de radiofrecuencia sen fíos. Por certo que o servizo pode avaliar máis de cen unidades carretadas nun mesmo vehículo.

PUBLICIDADE