O servizo de mensaxería do 010 de Lugo xa ten 3.350 inscritos

mércores, 26 de xullo do 2017 Redacción

O Concello de Lugo vén de facer reconto da actividade do seu Servizo de Información 010, logo de 12 anos de funcionamento. O balance, en liñas xerais, é o seguinte: logo dunha ducia de anos, contabilizáronse un millón de consultas atendidas. Polo que respecta a 2017, máis de 35.200 persoas (6.200 máis có ano pasado) contactaron no primeiro semestre do ano con este servizo, que recibe unha media de 5.200 chamadas mensuais, unhas 6.200 máis que o mesmo período do pasado ano. No que atinxe ao que nos ocupa, a vertente TIC, o número de cidadáns inscritos no servizo de mensaxería gratuíta a través do correo electrónico é de 3.350, e no de mensaxes ao móbil, 2.100. En canto ás redes sociais, o 010 conta con 2.700 seareiros.
De xaneiro a xuño, xestionáronse arredor de 2.700 correos electrónicos, un 16% máis de peticións ca no primeiro semestre do pasado ano.
Segundo engadiu o Concello sobre a actividade xerada ao longo dano arredor destes servizos, sen dúbida foi o mes de xuño un dos meses de meirande volume de chamada.
O servizo, entre outras funcións, serve para dar e recibir avisos das distintas incidencias no funcionamento de servizos públicos, como atoamentos nas redes de sumidoiros ou avarías no subministro da auga, así como para demandar información municipal ou información de actividades realizadas por entidades colaboradoras do Concello. Salientan ademais chamadas relacionadas coa xestión e trámites como as inscricións para actividades, por exemplo.
Como dixemos, o 010 complementa a comunicación tradicional con información por outros medios, como as redes sociais ou mensaxería. Neste senso, o número de persoas inscritas no servizo de mensaxería de balde a través do correo electrónico é de 3.350, 100 persoas máis con respecto ao 2016, e no de mensaxes de texto ao móbil, 2.100 persoas inscritas. En canto ás redes sociais, o 010 está presente en Facebook, Twitter e YouTube.

PUBLICIDADE