O servizo activado pola Deputación de Lugo para medir as nosas saídas acada 11.000 visitas

luns, 4 de maio do 2020 S. P.

A ferramenta Mide a túa saída, achegada pola Deputación de Lugo para facilitar as dúbidas da cidadanía en materia de desprazamentos en desescalada, está a acadar un importante éxito de repercusión e participación. Segundo fixo saber a entidade provincial, a web da aplicación obtivo nos primeiros días desta nova fase do Estado de Alarma (dende a ponte do primeiro de maio) preto de 11.000 visitas.
Máis de 4.000 visitas foron realizadas dende a provincia de Lugo, outros lugares que amosaron gran interese pola aplicación foron Madrid (1.995 visitas), A Coruña (734 visitas), Valladolid (446 visitas), Santiago de Compostela (356 visitas), Vigo, Barcelona(198 visitas), Burgos e Palencia).
A ferramenta, en palabras da entidade provincial “moi doada de usar”, permite ás veciñas e veciños pescudar cal é o límite exacto até o que poden chegar dende os seus domicilios ao tempo que cumpren coas normas fixadas polas autoridades para saír cos nenos, dar paseos ou desprazarse a hortas de autoconsumo. Trátase dunha aplicación de balde e empregábel en todos os dispositivos electrónicos, aínda que se recomenda o seu uso en móbiles ou tabletas para “consultar en tempo real se estamos próximos ao límite do noso itinerario”. A ferramenta ten web de seu ao abeiro da páxina da Deputación de Lugo.
O funcionamento deste servizo é simple e comeza cando o usuario activa a funcionalidade de localización GPS no dispositivo ao tempo que lle dá permiso á propia ferramenta para acceder a esta información. Mide a túa saída é quen de calcular o perímetro, quedando rexistrada a posición inicial do usuario como punto de referencia, que debe ser o lugar no que se reside. A partir de aí, amosa un mapa que sinala cunha cor vermella o radio de quilómetros que sexa posíbel abranguer, en función da actividade que se desexe desenvolver e do treito de desescalada vixente.

PUBLICIDADE