O servidor multimedia de Adobe achégase a dispositivos con iOS

venres, 9 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Dende o lanzamento do iPhone criticábase o feito de que o móbil de Apple non soportase a tecnoloxía Flash de Adobe, o que a compañía de Cupertino mantivo nos seus seguintes produtos, ante as dificultades de levar satisfactoriamente esta tecnoloxía a dispositivos móbiles (o que demostraron as versións para Android do Adobe Flash Player, que están moi lonxe da súa experiencia de escritorio) o que levou a Adobe a reaccionar e así renovan o seu Flash Media Server, que na súa versión 4.5 permitirá entregar contidos multimedia a distintos dispositivos entre os que están os terminais con iOS, de xeito que as compañías que ofrezan vídeo nas súas páxinas web con esta tipo de servidores ampliarán substancialmente a súa audiencia móbil.
Esta solución non adaptará banners nin xogos en Flash a iOS, pero si os contidos multimedia, que son os que habitualmente botan en falta os usuarios cando entran en certas páxinas de canles de televisión (e outros provedores de contidos), o que evitará a fuxida destas compañías da tecnoloxía de Adobe (pois os dispositivos de Apple non poden ser ignorados para as compañías que buscan unha boa difusión dos seus contidos).

PUBLICIDADE