O servidor multimedia PlayOn actualízase para dar soporte á Wii

xoves, 30 de xullo do 2009 Marcus Fernández

PlayOn é unha aplicación que opera coma servidor multimedia para compartir os contidos audiovisuais a través da rede local, de xeito que os ficheiros almacenados no PC poden verse a través doutros equipos coma consolas de videoxogos PlayStation 3 e Xbox 360 ou reprodutores multimedia compatibles con DLNA, facilitando a visualización de contidos no televisor doméstico, funcionalidade que mellora coa nova versión de proba do programa, que permite tamén a achega dos vídeos á Wii, sempre que esta conte coa canle de navegación web, dende a que ao visitar playon.tv poderemos acceder a esta nova opción de lecer.
Este novo xeito de levar fotografías, música e vídeo dende o PC á Wii aínda está en probas, pero resulta moi interesante por permitir que a consola desenvolva unhas funcións que parecían quedarlle grandes, e para as que si estaban pensadas as súas competidoras (a Xbox 360 e a PS3). De todos os xeitos, non hai que esquecer que a Wii non ten soporte de alta definición, polo que a reprodución na mesma estará bastante máis limitada que noutras plataformas.

PUBLICIDADE