O seminario sobre informática xudicial do CPETIG reuniu a medio cento de profesionais da Xustiza

luns, 14 de novembro do 2011 Redacción

Arredor de medio centenar do eido da Xustiza déronse cita esta pasada fin de semana en Santiago de Compostela para dar conta, de primeira man, das principais novidades relativas á informatización presente e futura do seu traballo e contorno laboral, amais de obter información de valor sobre as implicacións e tratamento dun novo tipo de delito: o delito informático. A cita foi no Hotel Palacio do Carme, no marco do seminario sobre Informática Xudicial que organizou o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), unha actividade que contou con financiamento da Secretaría Xeral de Modernización. O evento, que se despregou ao longo de dúas xornadas (venres e sábado), contou coa presenza de persoeiros de prestixio no eido temático a tratar. Entre outros, contou coa participación do xuíz da Audiencia Nacional, Eloy Velasco, e da Fiscal Xeral en Criminalidade Informática, Elvira Tejada de la Fuente.
No transcurso da súa intervención, desenvolvida baixo o epígrafe O valor probatorio das evidencias dixitais no procedemento xudicial, o xuíz da Audiencia Nacional, Eloy Velasco, falou sobre as controversias xurídicas fundamentais á hora de investigar delitos tecnolóxicos, así como as principais diferenzas existentes entre a investigación dun delito tecnolóxico e outro convencional. Acerca disto, o xuíz fixo saber que, ”entre unha investigación e outra, o substancial non cambia xa que, segundo as súas propias verbas, trátase de conseguir as probas sen vulnerar os dereitos fundamentais”.
Segundo nos contan fontes do CPETIG, a actividade formativa continuou co relatorio da fiscal xeral en Criminalidade Informática, Elvira Tejada de la Fuente, que centrou unha boa parte da súa intervención en salientar o importante labor que ten que afrontar a Fiscalía ante a nova delincuencia informática.
A xornada rematou cunha mesa redonda moderada polo presidente da Audiencia Provincial de Lugo, José Antonio Varela, dando paso a un interesante debate entre os participantes, “que debateron sobre os retos da Xustiza ante a nova realidade informática”, informa o CPETIG.
Con estas xornadas, as segundas que se desenvolven na nosa terra, póñense á disposición do ámbito xudicial e xurídico de Galicia relatorios de expertos que informan da realidade e experiencias en canto á relación da informática co seu contorno. Asemade, engade a organización, “quérese establecer un punto de encontro periódico que permita reunir e fomentar o debate entre os diferentes interlocutores do eido xudicial (maxistrados, xuíces, avogados, fiscais e peritos)”.

PUBLICIDADE