O segundo programa FEDER-Innterconecta acubilla 119 proxectos galegos presentados

martes, 9 de abril do 2013 Redacción

O segundo programa FEDER-Innterconecta, do que falamos con motivo da súas diversas presentacións (os días 18 e 12 en Vigo), segue a xerar información de interese para as empresas galegas, sobre todo polo que teñen de oportunidade para materializar os seus proxectos de innovación. Na liña de facer fincapé nas súas posibilidades situouse, precisamente, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen sinalou hoxe que o programa abrangue xa un total de 524 empresas, o 70% delas PEME, formando parte dos proxectos de innovación que optan á segunda fase do programa, cuxo prazo de solicitude vén de rematar cun total de 119 propostas presentadas “o que amosa a alta participación e o interese das empresas en Galicia por optar a fondos tecnolóxicos”, salientou.
O conselleiro destacou ademais o incremento de case un 30% no número de proxectos presentados con respecto á pasada edición.
Nas iniciativas que se presentan á convocatoria, impulsada pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación en colaboración co Centro para el Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), inclúense 297 participacións de organismos de investigación, segundo os datos provisionais analizados polo CDTI. A porcentaxe de participación destes organismos con respecto ao orzamento total dos proxectos presentados elévase ao 19%, preto de catro puntos por riba da porcentaxe establecida como obrigatoria nas bases do programa, co-financiado co Fondo Tecnolóxico.
Lembrar que esta segunda edición do Innterconecta Galicia está dotada con 75 millóns de euros, “cos que se prevé a mobilización en iniciativas de alto impacto para a comunidade dun total de 150 millóns entre investimento público e privado”, sinalou Conde.

PUBLICIDADE