O segundo curso Formadores Dixitais contará con 15 persoas de prestixio na formación TIC

luns, 6 de setembro do 2021 S. P.

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, vén de inaugurar a segunda edición do curso Formadores Dixitais para a cualificación tecnolóxica de persoal docente no eido do emprego. Esta nova edición do curso estará dispoñíbel ata o 28 de setembro na modalidade en liña e “con vontade de ser accesíbel para todas e todos”.
Segundo fixo saber a directora xeral, este curso formativa responde á constatación dunha demanda e dun desafío que se están a disparar trala COVID: a demanda de novas habilidades e a necesidade de activar programas para reconverter, recualificar e reinserir traballadores nas novas actividades.
O curso Formadores Dixitais renovado polo Goberno galego enmárcase no programa Aula Galicia Dixital da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade. Na presente edición conta con cen participantes, todos traballadores na formación para o emprego e con interese en afondar e progresar nos seus coñecementos sobre capacitación en rede.
A formación estrutúrase en 90 horas entre vídeos formativos, clases en directo e titorías realizadas por un equipo de 15 persoas de prestixio no ámbito da formación dixital. As persoas participantes deberán entregar ao remate do curso un proxecto onde expoñan os coñecementos adquiridos.
Lado aludiu na apertura do curso ao Campus Virtual promovido pola Xunta para acoller toda a formación para o emprego da Comunidade e que está a dispor de todas as entidades inscritas ou acreditadas de xeito gratuíto.

PUBLICIDADE