O seguimento de Abalar amosa unha taxa do 95% en uso semanal de TIC por parte do profesorado

luns, 24 de febreiro do 2014 Redacción

Os responsábeis de Abalar, a iniciativa para a dixitalización das nosas aulas e o afianzamento do software libre no eido educativo, veñen de avaliar o seu desenvolvemento nos centros educativos onde está implantado o programa. Segundo informan Cultura e AMTEGA, o uso semanal dos equipos informáticos do profesorado é superior ao 95%. “Ou sexa”, engaden, “resulta practicamente total”. Asemade, na súa análise inciden en que o emprego medio á semana das infraestruturas de Abalar (portátiles de docentes, computadores do alumnado) anda a rentes do 70%. “Máis da metade dos centros teñen un uso semanal de máis do 80%, e outro 25% de entre o 60 e o 80%”, engaden.
Estes datos, que teñen a súa orixe no seguimento levado a cabo pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e máis as avaliacións periódicas da Consellería de Cultura, coinciden en amosar “a satisfacción dos centros co proxecto”, informan. Lembrar que neste curso, o programa é levar Abalar a 2.295 aulas de 531 espazos educativos, ou sexa a máis de 49.000 estudantes. Recordar tamén que recentemente habilitouse a aplicación abalarMóbil, dirixida a a facer máis doado a participación e seguimento educativos dos escolares por parte das nais, pais ou titores, “e todo dende calquera lugar, dunha maneira rápida e cómoda a través dos dispositivos móbiles”. Asemade, cómpre salientar o repositorio de contidos dixitais do espazo Abalar, o punto de encontro da comunidade educativa na Rede que dende a data da súa posta en marcha xa acubillou 2.650.1546 descargas.

PUBLICIDADE