O sector turístico de Lugo segue xuntando forzas no Youtube da man da Deputación

mércores, 10 de xuño do 2020 S. P.

A segunda sesión das xornadas virtuais Abrindo as portas: o rexurdir do turismo que organiza a Deputación de Lugo xuntou este mércores 10 de xuño a representantes das asociacións galegas de axencias de viaxes, de empresas de turismo activo, de guías de turismo, de albergues privados e da Asociación Provincial de Empresas de Hostalería de Lugo. A sesión foi inaugurada pola deputada de Réxime Interior e Turismo Pilar García Porto. Segundo coincidiron, o sector estase a preparar cos mellores recursos posíbeis (incluídas as máis avanzadas ferramentas dixitais) para o escenario post-COVID.
A sesión, incluída na campaña En Lugo, Si da Deputación, transmitiuse novamente en directo a través da canle de Youtube dos Servizos de Audiovisuais da Deputación e reuniu a representantes de colectivos empresariais da provincia. O obxectivo: abordar o futuro do sector e poñer en común diferentes medidas e ferramentas nun novo escenario tras a crise da COVID.
Participaron o presidente da Asociación Galega de Albergues Privados, Miguel Ángel Rodríguez, o presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes, Juan Antonio Ribadulla, o presidente da Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo e Natureza, Agustín Rico, o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Cheché Real e a representante da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, Beatriz Pérez.
Todos eles salientaron “a transversalidade” das xornadas organizadas pola Deputación e coincidiron “na importancia de manter o sector turístico unido no novo escenario que se presenta tras a fase de confinamento e coa apertura de fronteiras cada vez máis próxima”. Así mesmo, constataron que están preparados para facer fronte á nova normalidade e que consideran “clave para a reactivación do sector” a aposta pola profesionalización, as garantías sanitarias e a cooperación coas institucións para promover os destinos.
A deputada de Turismo puxo en valor “o esforzo e o traballo de todos os profesionais do eido turístico” e destacou que nesta crise xogaron un papel difícil e agora deberán adaptarse as novas esixencias: “A provincia de Lugo ata agora contaba con recursos que eran unha opción á hora de viaxar pero hoxe ademais, son unha oportunidade. O valor engadido de ter espazos abertos, produtos de primeira calidade van ser fortalezas dentro do noso territorio e é fundamental a acción dos profesionais. Nestes momentos tan duros non podemos esquecer que a Deputación é a casa de todos os concellos, temos claro que vamos estar aquí para botar unha man. De todo isto podemos saír se temos a capacidade de sumar e non xerar enfrontamentos”.
Novas xornadas
Os encontros de turismo online da institución provincial terán continuidade noutras tres sesións: na xornada de mañá xoves, e os días 15 e 17 de xuño, co obxectivo de ·converterse nun espazo de intercambio de información, análise e debate de opinións e tamén de escoita das necesidades do sector e das súas perspectivas sobre a reactivación turística da provincia”. Con esta iniciativa, a Deputación pretende facilitar ademais a adaptación con garantías a todo o que esixe a nova normalidade na actividade hostaleira e turística e compartir a visión dos retos e oportunidades que ofrece o novo escenario para o sector.
As xornadas Abrindo as portas: o rexurdir do turismo abéiranse á campaña En Lugo, Si, que promove a institución provincial para impulsar o tecido económico provincial na desescalada. Pretenden contribuír a incorporar ferramentas e dinámicas que sirvan para reforzar os valores e fortalezas da provincia como destino turístico e para afrontar con garantías a chegada de visitantes neste verán. Os foros de turismo online comezan ás 11:00 horas e contan coa participación da deputada de Turismo, Pilar García Porto.
Mañá, no diálogo con representantes de institucións, entes de xestión e promoción e sociedade civil intervirán a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela Paz, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, Francisco Cajoto, a delegada da S.A. do Plan Xacobeo e Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, o presidente da Federación Veciñal Lucus Augusti, Jesús Vázquez Varela, e o presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Manuel López Vázquez.
O luns 15 de xuño, noutro diálogo con colectivos empresariais participarán representantes da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia -AVITURGA-, Asociación de Balnearios de Galicia, Federación Galega de Comercio, Federación Galega de Turismo Rural e Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia -PROTURGA-.
O mércores 17 de xuño, no debate Traballando por unha hostalería segura intervirán representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo -APEHL, Hostalería de España e da Horeca Data e Proyecto Hostelería Segura.

PUBLICIDADE