O sector do transporte marítimo reunirase nunha xornada para atopar solucións TIC aos seus problemas

martes, 1 de setembro do 2015 Redacción

Será este xoves 3 de setembro cando o compostelán Centro Demostrador TIC (CDTIC) de Galicia celebre unha xornada de co-creación de cara a fomentar a relación entre os centros tecnolóxicos e as PEME (Pequenas e Medianas Empresas) que teñan que ver cos sectores de transporte marítimo e a náutica co gallo de promover ideas e solucións ás necesidades tecnolóxicas que atinxen a estes eidos. Estamos perante a primeira xornada de co-creación, encamiñada ao sector do transporte marítimo e náutico, que se desenvolve no marco do proxecto europeo STAMAR liderado pola Xunta, a través da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), coa participación como socio da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e de 7 entidades de referencia no eido da transferencia tecnolóxica, a innovación e a economía marítima de Francia, Reino Unido, Irlanda e Portugal.
E cal é a meta deste proxecto STAMAR? Pois téntase mellorar a competitividade e a capacidade de innovación das PEME do sector marítimo do Espazo Atlántico, favorecendo os procesos de transferencia tecnolóxica a través da creación dun centro transnacional demostrador das capacidades e tecnoloxías aplicábeis á industria marítima preservando a biodiversidade e facilitando un desenvolvemento sostíbel co medio ambiente.
Os interesados en acudir á xuntanza deste xoves, que se levará a cabo de 9.30 a 14.00 horas, poden inscribirse no teléfono 981 552 059 ou a través do correo electrónico stamar-xornadas@xunta.es.

PUBLICIDADE