O sector do calzado galego forma alianza co sector TIC ao abeiro do proxecto PROTGAL

luns, 20 de maio do 2013 Redacción

A colaboración entre o sector do calzado galego e o sector TIC é con toda seguridade a arma chave para superar os atrancos da crise do primeiro destes dous eidos produtivos mediante o desenvolvemento de tecnoloxía e exportación da mesma. Esta colaboración está a coller corpo ao abeiro do proxecto PROTGAL, un consorcio produtor en territorio galego que conta cunha participación no proxecto de case a totalidade de empresas do sector (localizadas en Ourense e Lugo), representando máis do 60% do emprego e da facturación do sector calzado. Seguindo a estratexia da Comisión Europea -apoiada pola Axencia Galega de Innovación, que promove a Especialización Intelixente- a través deste proxecto preténdese a especialización do sector no ámbito da saúde e da personalización do calzado.
PROTGAL está coordinado pola empresa TIC galega Balidea Consulting & Programming, que xunto con outras empresas do sector TIC: Emergency Security and Logístic Control (SATDATA) e Softgasa Informática, actúan como promotoras da innovación no sector calzado, no cal participan firmas de calzado como: Codeor, Curgal, Losal e Laboratorios Iberpos.
E que se persegue con este proxecto? Pois quérese incrementar as cifras recollidas nos últimos informes (febreiro 2013) do ICEX (Ministerio de Economía e Competitividade) en relación á exportación, que sitúan á nosa terra no segundo lugar da clasificación por Comunidades Autónomas detrás da Comunitat Valenciana.
É preciso subliñar a importancia das tecnoloxías e a innovación neste plan, pois serán o alicerce fundamental para promover o emprego xeral das TIC nos ámbitos produtivos, indo de xeito parello ás necesidades das persoas que precisan do uso de calzado con características específicas, e que por mor de doenzas podolóxicas non poden acudir á oferta dispoñible no mercado.

PUBLICIDADE