O sector audiovisual coruñés mergullouse nos segredos do crowdfunding

martes, 31 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

O Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación da Coruña (LAIC) celebrou os días pasados no Centro Cívico da Cidade Vella unha xornada divulgativa directamente encamiñada a mostrar as vantaxes e os segredos da técnica do crowdfunding (micromecenado na Rede a través do apoio da comunidade) para pór en marcha un proxecto audiovisual ou de contidos dixitais. O obradoiro Supercine: taller de cine LAIC veu da man do cineasta Miguel Ángel Rolland e contou coa presenza, entre os asistentes, de realizadores audiovisuais, profesionais do guión e da interpretación, creadoras freelance e mesmo algunha persoa procedente de colectivos sociais con proxecto de facer un documental.
O obradoiro, organizado polo Concello a través de Coruña Dixital, artellouse en dúas metades. Na primeira xeira de traballo introduciuse o grupo na filosofía crowd e nos distintos motivos que nos poden levar a usar esta metodoloxía de produción para un proxecto audiovisual. Tamén se fixo saber que o devandito apoio non consiste só en cartos: “A crowd é o noso futuro público, a xente interesada non só en ver o filme se non en ser embaixadora del e contribuír da maneira que poida e que se lle solicite en cada momento”, sinalou o relator.
A sesión da tarde foi máis práctica e nela Miguel Ángel Rolland deu as claves para deseñar e executar unha campaña de crowdfunding para un filme, un proceso, sinalou, “que ten que comezar como mínimo seis meses ou mesmo un ano antes do lanzamento oficial da campaña, coa construción da comunidade”. Segundo fixo saber, o proceso debe levar parella a aplicación dunha firme filosofía social: “Debemos ser o máis sociais en Internet que poidamos”. O roteiro, engadiu, “consiste en irmos construíndo o proxecto coa axuda das xa célebres tres efes (“Friends, Family & Fools”) até os grupos de interese que poden estar relacionados co tema da nosa película”. Segundo dixo, isto require unha investigación exhaustiva nas redes, “facendo a nosa base de datos de xente potencialmente disposta a colaborar, e iniciando os contactos con ela, cociñando as relacións a lume lento para que respondan cando se lles pida axuda”. A partir de aí, explicou, “cómpre usar todos os mecanismos de comunicación ao noso alcance, online e offline, montar un equipo de traballo, elixir plataforma de crowdfunding e planificar a precampaña e a campaña para chegar á nosa meta e poder cantar vitoria”.
Rolland debullou as devanditas metodoloxías en base a un caso de éxito concreto: o do seu documental Santa Fiesta, que contou na súa orixe co apoio de comunidades animalistas a nivel internacional, e acompañouse dunha campaña de crowdfunding na plataforma IndieGoGo.

PUBLICIDADE