O sector TIC busca máis ca nunca profesionais ligados á telefonía móbil ou a nube

xoves, 11 de xullo do 2013 Redacción

Que buscan hoxe as empresas do sector TIC cando buscan traballadores? Para sabelo, ou mellor dito, para extraer ideas fixas das tendencias variábeis, se cadra non é mala idea atender ao que nos contan os servizos de busca de emprego que están operativos arestora na Rede e que dan acubillo a demandantes e fornecedores de abondo como para facer cálculos fiábeis. Estes son os argumentos do portal InfoJobs para presentar o seu xenérico Informe sobre o Estado do Mercado Laboral Español, no que se indica, no apartado de informática e comunicacións, que o máis buscan arestora as empresas TIC son perfís específicos que sexan quen de cubrir os postos emerxentes.
Que significa isto? Pois que o que se demanda hoxe en día, principalmente, é xente relacionada con cuestións como a telefonía móbil, ou sexa programadores de aplicacións para teléfonos intelixentes (apps). Tamén se requiren, especialmente, programadores HTML5 e expertos en computación na nube. Dáse a circunstancia de que este tipo de especialidades apenas eran buscadas en 2008, pero en 2012 aglutinaron practicamente 3.000 vacantes. “En casos concretos”, sinala InfoJobs, “as empresas mesmo teñen dificultades para cubrir certos postos emerxentes: as vacantes publicadas en 2012 en busca de arquitectos móbiles soamente obtiveron 2 inscritos a pesar de que o salario ofertado ascendía a 38.000 euros anuais; as ofertas para programador COBOL ou arquitecto Java tamén tiveron unha difícil cobertura con só 6 inscritos”.
No estudo tamén se reflicte que InfoJobs rexistrou durante 2012 un total de 181.997 postos vacantes en España para a categoría de informática e telecomunicacións, un 17% menos que o ano anterior e un descenso do 60% en comparación con 2008. A pesar da caída do número de postos, a categoría segue sendo a segunda con máis vacantes do portal (21%), só por detrás de comercial e vendas (30%). Entre o total de candidatos cun perfil TI que buscaron traballo en InfoJobs e a oferta existente, destacaron as seguintes características:
· Un 70% dos contratos ofertados eran indefinidos.
· A Comunidade de Madrid concentrou o 64% da oferta para TI.
· No 54% dos casos requiríase entre 1 e 2 anos de experiencia.
· Requiríase persoal con Formación Profesional e ciclos formativos (56% do total).
Pola súa banda, entre os candidatos TI, cómpre salientar certas características en común:
· Un 34% dos candidatos especializábanse na subcategoría de programación.
· A maioría dispuña de estudos universitarios (64%).
· O 33% dos candidatos residía en Madrid e o 21% en Cataluña.
· Máis da metade (55%) tiña entre 25 e 34 anos.
· O 37% tiña máis de 10 anos de experiencia laboral.

PUBLICIDADE