O secretario xeral de Medios da Xunta clausurou os cursos de Informática da aula CeMIT de Boiro

mércores, 20 de xuño do 2012 Redacción

Hai exactamente medio ano, o secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, achegouse á vila de Boiro para inaugurar a súa renovada aula CeMIT, que agora conta con 12 ordenadores novos e equipamento audiovisual complementario, e hoxe volveu a visitar a vila coruñesa para clausurar os cursos de informática desta renovada aula CeMIT.
Durante as últimas semanas a aula CeMIT boirense serviu para impartir polas mañás cursos básicos de montaxe de vídeo e mecanografía no ordenador e, polas tardes, de iniciación á informática. Polas tardes tamén programaron cursos dirixidos a un colectivo cun grande risco de exclusión no eido das TIC, os maiores de 60 anos, aos que, repartidos en 4, se lles instruíu sobre a planificación de viaxes a través da Internet.
Para o vindeiro trimestre tamén están programados numerosos cursos na aula CeMIT de Boiro, que permitirá aos veciños formarse sobre o uso do correo electrónico, da comunicación por videoconferencia a través de Skype, do uso básico de ordenadores e da Internet, do emprego de procesadores de texto e follas de cálculo, a montaxe de vídeo, a creación dun blog e mesmo da actividade de moda: Community Manager.

PUBLICIDADE