O satélite galego Humsat-D, en órbita e en activo

venres, 22 de novembro do 2013 Redacción

Este xoves 21 ás 11.21 horas, a estación de seguimento da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo recibiu a confirmación de que o satélite galego Humsat-D, impulsado por investigadores do campus, estaba xa en órbita e en activo. Era pois o peche dun ciclo (agora comeza outro ciclo: o da actividade en si mesma do aparello e a recollida de datos), o do deseño, desenvolvemento, preparación e posta en órbita, que levou máis de un ano de traballo e que contou coa colaboración da Organización das Nacións Unidas e a Axencia Espacial Europea, figurando en primeira liña, como responsábeis principais deste importante proxecto galego, os integrantes do Agrupamento Aeroespacial da Universidade de Vigo. Para quen non o saiba a estas alturas (e nunca mellor dito), dicirlle que o Humsat diríxese ao fomento de capacidades no sector espacial, sobre todo en países emerxentes.
Segundo nos relatan dende a UVigo retomando o fío dos acontecementos, ás 08.00 horas e co lanzamento do foguete Dnepr desde o cosmódromo ruso de Yasni comezaba “unha nova xornada histórica na carreira aeroespacial da Universidade de Vigo que a día hoxe conta con dous satélites no espazo, o Xatcobeo e o propio Humsat-D que, cunha vida útil de dous anos, permitirá facer unha proba completa do sistema, recollendo datos e verificando o funcionamento da constelación antes de que os oito satélites que a completan sexan postos en órbita”. Sinalar que no proxecto que culminou esta semana, financiando polo Ministerio de Ciencia a través do Plan Nacional do Espazo, participaron arredor de 150 persoas durante os últimos meses.
Na comparecencia pública que se celebrou no Edificio Miralles trala recepción do son emitido polo Humsat-D, tanto os integrantes do equipo como o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, insistiron na importancia de que a institución conte con dous satélites no espazo nun período de tan só ano e medio. Unha satisfacción que o reitor estendeu á Organización das Nacións Unidas, sinalando que “a ONU ten que estar contenta porque ten o seu primeiro satélite, o primeiro satélite dunha constelación que ten unha misión claramente humanitaria e isto empeza hoxe aquí”. Mato fixo referencia tamén á máis que posíbel experiencia comercial que se extrae do desenvolvemento destes aparellos, nicho de actividade importante para a nosa terra.
Onte e mañá
Segundo fai saber a UVigo, a historia aeroespacial da Universidade comezou en febreiro de 2012 con Xatcobeo (que desde o seu lanzamento ten orbitado máis de 9.000 veces arredor da Terra durante os preto de 650 días que leva no espazo) e continuou con Humsat-D, proseguindo a partir de agora con GENSO, a rede mundial de estacións de seguimento; ESEO e ESMO orbitadores nos que a Universidade colabora; Femtoxat o pequeno satélite de 250 gramos que con case total seguridade será lanzado o vindeiro ano e Ballonxat, proxecto de lanzamento de globos estratosféricos. Así mesmo, a Universidade de Vigo negocia a súa participación na constelación xaponesa UNIFORM que incorpora cámaras para detectar lumes e tamén a temperatura do mar.

PUBLICIDADE