O satélite Humsat-D da Universidade de Vigo porase en órbita o vindeiro 21 de novembro

xoves, 7 de novembro do 2013 Redacción

O satélite vigués Humsat-D entrará en órbita o 21 de novembro, dende Rusia, cunha previsión de vida útil de dous anos. Así nolo confirmou esta semana a Universidade de Vigo, que informou tamén que se está a ultimar a creación dunha spin-off aeroespacial propia da institución educativa galega. O lanzamento do satélite, engadiu a UVigo na presentación previa a este acontecemento, culmina un proceso de traballo dun ano e abre a porta a un novo período que resultará crucial para confirmar a viabilidade do proxecto Humsat (proxecto internacional para o fomento de capacidades no sector espacial en países emerxentes, neste e noutros eidos tecnolóxicos). A posta en órbita do Humsat-D levarase a cabo a través do foguete Dnepr que carrexará en total unha trintena de satélites, entre os que se atopa o desenvolvido pola Universidade de Vigo.
“Aloxado no interior do satélite nodriza Unisat-5”, explicaron os responsábeis deste desenvolvemento, “a posta en órbita de Humsat-D marcará un novo fito na historia aeroespacial da institución académica que partindo o pasado ano dun cubesat educativo como o Xatcobeo, situarase a partir dese momento no punto de partida do desenvolvemento dun proxecto de dimensión mundial”. O aparello galego permitirá facer unha proba completa do proxecto internacional no que se insire, recollendo datos e verificando o funcionamento da constelación antes de que os oito satélites que a completan sexan postos en órbita nun futuro. A validación do proxecto Humsat a partir do lanzamento de Humsat-D permitirá desenvolver numerosas aplicacións prácticas que nalgúns casos xa están a ser negociadas entre os responsábeis do proxecto na Universidade de Vigo e varios países. “Actualmente estamos nunha fase de negociación moi avanzada en temas de control de augas e de telemedida” explicou Fernando Aguado (coordinador do proxecto e profesor da Uvigo), quen salientou que este sistema permitirá a grandes países “por exemplo redefinir redes de seguimento profesional das súas instalacións en temas de polución ou mesmo control de intrusismo”.
Segundo engadiu, os satélites integrados no proxecto ao pasar por riba dos sensores recollerán os datos necesarios para prestar un determinado servizo empregando para iso unha banda de radio UHF, entón descargarán e porán en Internet esta información a disposición do usuario final. E engadiron os responsábeis do proxecto vigués: “Ademais de ser quen de situar no mapa da transmisión de datos aos países en vías de desenvolvemento, Humsat pon a disposición de calquera entidade, institución ou mesmo particular a posibilidade de dispoñer da información que precise, o que evidencia a apertura dun novo segmento do mercado aeroespacial”.

PUBLICIDADE