O sábado botaron a andar os encontros dixitais dos Axóuxeres nas localidades da RDL

luns, 12 de novembro do 2012 Redacción

Os Axóuxeres teatrais

A Secretaría Xeral de Política Lingüística segue a pór en marcha os diferentes formatos de actividades que inclúe a nova edición do programa de dinamización lingüística dos Axóuxeres, destinado a dinamizar a lingua galega e a súa transmisión interxeracional nas familias con fillos de entre cero e seis anos, que inclúe dous tipos de Encontros (teatrais e dixitais) amais dun novo espazo televisivo de animación infantil protagonizado pola familia de bonecos que lle dá nome á iniciativa: Os Axóuxeres.
Os Encontros dixitais, que chegan á súa terceira fin de semana en desenvolvemento, fan parada en Arteixo, Cee e O Barco de Valdeorras para facer gozar as familias con bebés de cero a tres anos coa música, as cancións e as primeiras palabras, da man de catro dos monecos protagonistas dos Axóuxeres e mais de Artur, curmán seu. O colorido dos personaxes, xunto co ritmo da música e a sinxeleza das cancións e dos xogos caracterizan esta actuación, coa que se fomenta a percepción visual e auditiva da xente miúda da casa.
A novidade destes días constitúea a posta en marcha dos Encontros dixitais estreados a pasada fin de semana en Cambados, Bueu, Soutomaior e Mos, para chegar de aquí a decembro a un total de 20 localidades da Rede de Dinamización Lingüística. Ao primeiro dos Encontros dixitais dos Axóuxeres (en Cambados) asistiu o secretario xeral e presidente da RDL, Valentín García, no que estivo acompañado polo alcalde cambadés.

Os Axóuxeres tamén contan con xogos móbiles para Android e iOS

Como complemento do programa dos Axóuxeres 2012 están xa dispoñibles na Rede para a súa descarga as músicas e os xogos das actividades, algunhas delas pensadas para vencellar a aprendizaxe da lingua á tecnoloxía, por medio de aplicacións específicas dos dispositivos móbiles Android (Quebracabezas e Palabras) e iOS (Quebracabezas e Palabras).
O programa inclúe tamén un espazo de participación virtual no que as familias que compartan as súas vivencias nas actividades entrarán no sorteo de 15 lotes de produtos de lecer en galego pensados para os máis pequenos da casa.

PUBLICIDADE