O robot Nao recibe ao milleiro de estudantes e profesionais que están a participar nas JAI 2014

martes, 4 de novembro do 2014 Redacción

Tal e como informamos onte, comezou finalmente a semana da automatización industrial da man das xornadas JAI, cinco días para amosar en detalle os máis recentes achados da enxeñaría, da robótica e das novas tecnoloxías aplicadas ao ámbito do industrial. Ou sexa, para amosar como a tecnoloxía permite facelo todo, a nivel empresarial, moito máis doado. Precisamente a sexta edición das Xornadas de Automatización Industrial foi inaugurada por un enxeño destas características, o robot Nao, un trebello de 60 centímetros de altura que foi o encargado de dar a benvida aos asistentes no centro AFundación de Vigo. A intervención de Nao, deseñado pola empresa francesa Aldebaran, precedeu ao acto oficial de apertura presidido por Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo e Abel Caballero, alcalde de Vigo.
A xornada primeira, como non podía ser doutra maneira, contou tamén coa presenza do profesor Nacho Armesto, principal responsábel destes encontros, que falou das JAI como mesturadoras de dous mundos, o profesional e o académico. Segundo fixo saber, até 500 estudantes e 300 profesionais daranse cita este ano nestas xornadas nas que se desenvolverán máis dunha trintena de relatorios da man de empresas como PSA Peugeot Citroën, ABB, Siemens, Schneider, Omron, Rockwell Automation ou Bosch, así como de centros de tecnolóxicos como Gradiant ou CTAG e institucións académicas.
Lembrar que o inicio das JAI 2014 estivo precedida tamén pola visita que os integrantes da mesa presidencial, xunto co conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez, realizaron á media ducia de demostracións instaladas, tanto na entrada, como no segundo andar, do centro social AFundación. Deste xeito, amais de coñecer de primeira man ao robot Nao, tiveron a oportunidade de dar conta das potencialidades do sistema robotizado de asistencia en rehabilitación clínica Fisiorob desenvolvido polo centro tecnolóxico galego Aimen, das vantaxes do sistema de balizamento robotizado Robocone da empresa galega Imatia, así como das implicacións das tecnoloxías de realidade aumentada e sistema de posicionamento de interiores de Gradiant. Tamén puideron esculcar na maqueta do futuro estadio de Balaídos realizada, segundo o deseño dos arquitectos, por Lupeon 3D, unha empresa creada por un grupo de ex alumnos da Universidade de Vigo, “que empeñaron o seu patrimonio para adquirir máquinas de impresión coas que traballan a demanda dos clientes que lles solicitan impresións concretas”, explicou o profesor Nacho Armesto.

PUBLICIDADE