O road show tecnolóxico de Microsoft fará a súa vindeira parada en Vigo

venres, 16 de marzo do 2012 Raquel Noya

Asistentes á xornada celebrada en Santander

A iniciativa de Microsoft Impulsando PEME, que a firma está a levar por toda a xeografía española para dar a coñecer entre o empresariado as solucións tecnolóxicas que lles ofrece para mellorar a produtividade dos seus negocios, vai facer a súa vindeira parada en Vigo, onde citou ás empresas de toda a Comunidade.
A cita tecnolóxica terá lugar o vindeiro 20 de marzo no Auditorio da Casa Consistorial da cidade, e a ela poderán acudir de balde todas aquelas persoas con empresas ou ideas de negocio que desexen botar man da innovación para mellorar o seu posicionamento no mercado.
O encontro, que contou para a súa organización co apoio do Concello de Vigo, será a única parada do periplo de Microsoft en Galicia, e para participar hai que rexistrarse previamente na web oficial, onde ademais se pode consultar a axenda de cada evento, futuras datas do road show e as ofertas específicas que ofrece cada empresa.
Na xira participarán 18 empresas, entre as que se atopan ONO, a Escola Europea de Negocios, Prisa, HP ou APD, entre outras, que ofrecerán solucións e estratexias de innovación tecnolóxica, xestión de recursos humanos e coñecemento, ou mesmo vías de financiamento para a internacionalización das empresas interesadas.
O obxectivo da multinacional creadora de Windows é amosar ás PEME españolas até que punto a súa tecnoloxía “pode axudarlles a reducir os seus custes e aumentar a produtividade e o rendemento”. O programa de actividades conta tamén co apoio de Avalon Rede de Expertos, que é quen organiza Impulsando PEME. Para as empresas, sinala con motivo da presentación desta xira Juan José Amor, director da división de Pymes e Partners de Microsoft Ibérica, “conseguir aforros de custes e aumentos de produtividade e rendibilidade é clave para ficar no mercado; o uso das tecnoloxías da información resulta crítico para acadar isto e evolucionar cara a un modelo na nube que permitiría reducir gastos e mellorar a flexibilidade, ademais de facer máis doado o emprego das TIC”. Segundo sinalou, as ferramentas de produtividade na nube de Microsoft están xa dispoñíbeis dende 5,25 euros ao mes ofrecendo colaboración, comunicacións unificadas e un gran abano de solucións e vantaxes para as pequenas e medianas empresas: dende o sistema operativo pasando por solucións ofimáticas até solucións para servidores e para software de xestión empresarial.

PUBLICIDADE