O rexistro de convenios da Xunta permitirá obter copias e certificados de xeito telemático

luns, 18 de xuño do 2012 Raquel Noya

A partir da semana que vén, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vai poñer en marcha unha nova funcionalidade na plataforma en liña do seu Rexistro de convenios, que lle permitirá ás persoas usuarias, solicitar de xeito telemático a copia de calquera convenio ou certificación do asento do mesmo.
Este novo sistema, para o cal se contou co apoio técnico da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, enmarcase dentro da aposta da Xunta de Galicia por “axilizar e modernizar todos os procedementos administrativos, na busca dunha relación máis fluída e transparente entre a Administración autonómica e a cidadanía”, apuntaron.
Ata o de agora, a plataforma permitía tramitar as certificacións sobre datos e copias simples de convenios de xeito tradicional, é dicir, mediante a presentación dunha instancia nun rexistro administrativo e a oportuna contestación á consulta mediante oficio, aportando a documentación solicitada.
Porén a partir da vindeira semana, calquera persoa que dispoña de certificado da Fábrica Nacional de Moneda e Timbre terá a posibilidade de solicitar telematicamente unha copia do texto completo dun convenio ou un certificado da existencia do dito convenio, a través do buscador da páxina web da Consellería, evitando así ter que efectuar a solicitude en papel nalgunha das oficinas.
O novo sistema permitiralle ás persoas usuarias escoller entre “certificado” ou “copia” do convenio que precise, para o que tan só deberá certificar a súa identidade e explicar o motivo da súa solicitude. Automaticamente esta recibirá a documentación solicitada na conta de correo electrónico que desexe.
Segundo informan dende o Executivo, a solicitude levará parella unha entrada electrónica no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, “de xeito que a petición ten un tratamento análogo ao dunha presentación presencial en papel”, e tamén se estudará e validará se procede o envío da documentación solicitada.

Código de Validación Electrónica

Dende a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a institución á que lle compete esta xestión, anunciaron tamén que “está en marcha a posibilidade de que os cidadáns poidan comprobar a autenticidade do código Código de Validación Electrónica (CVE) que aparece no documento asinado electronicamente polo Rexistro de convenios”, neste caso poderán facelo dende a propia web oficial da Xunta, no apartado de cve.
A plataforma dispón na actualidade de 29.599 convenios rexistrados, dende a súa posta en marcha en 2002.

PUBLICIDADE