O responsable do CelebGate declárase culpable

mércores, 16 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Jennifer Lawrence foi a actriz máis prexudicada pola filtración

O Departamento de Xustiza dos EE.UU. comunicou onte que a causa contra o causante do CelebGate estaba xa en mans do xuíz, que terá que decidir a sentenza por delincuencia informática tras empregar unha trama de phishing para facerse con máis de 100 contas de usuario de Apple e Google, na que boa parte correspondían a famosas, o que levou a un par de vagas de filtracións de imaxes privadas das celebridades, que non só violaron a súa intimidade, senón que nalgún caso chegaron a lesionar gravemente a súa imaxe pública.
O acusado, Ryan Collins, home de 36 anos de idade que reside en Lancaster (Pennsylvania) chegou a un acordo no que recoñece a súa culpabilidade da intrusión en equipos informáticos alleos para obter información e, para facilitar a resolución da causa, as partes acordaron tamén que o xuízo non se celebrase en Los Angeles (onde se denunciou a Collins inicialmente) senón en Pennsylvania. Agora falta por verse cal é a sentenza final, que podería chegar a 5 anos de cadea nunha prisión federán, aínda que no acordo acadado recoméndase unha sentenza de 18 meses de cadea.

A actriz Kaley Cuoco veu como moitas das súas imaxes íntimas sacadas co móbil veron a luz a través de plataformas como 4chan e Reddit

Os cargos contra Collins son unicamente polo roubo de información, xa que non existen evidencias de que fose el quen filtrase os vídeos e as fotografías que conseguiu descargar principalmente de copias de seguridade de iCloud (de aí que aparecesen fotografías que as prexudicadas aseguraban non ter no móbil). Estímase que o acusado accedeu a un mínimo de 50 contas de iCloud e 72 contas de Gmail, entre novembro de 2012 e setembro de 2014.

PUBLICIDADE