O reprodutor Miro estrea a súa versión 1.0

mércores, 14 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Miro reproducindo un fragmento dun programa da canle G4

O reprodutor de vídeo coñecido actualmente coma Miro (antes, Democracy Player) estreou a súa versión 1.0 o que supón a consolidación dunha aplicación que vai máis aló de servir para reproducir vídeos en formatos Quicktime, WMV, MPEG, AVI, XviD (está baseado no motor VLC) e outros, senón que tamén xestiona a súa descarga dende fluxos RSS, os organiza e mesmo permite a súa eliminación automática despois da súa visualización. Tamén serve para descargar contidos de YouTube, Blip.tv e DailyMotion.
Pero o máis interesante deste reprodutor é que se está a converter na plataforma de acceso a unhas 2.700 canles de vídeo de balde, que van dende podcasts ata informativos televisivos, achegando un consumo á carta destes contidos que pode descargar tanto da web como da rede P2P BitTorrent. Os usuarios poden subscribirse ás distintas canles e mesmo facer que os seus contidos se descarguen automaticamente, lembrando no seu funcionamento a solucións DVR coma TiVo ou iPlus, aínda que neste caso se trate dun produto para ordenador e de balde.

PUBLICIDADE