O pulo do sector TIC non achega mellores salarios aos seus profesionais

martes, 19 de novembro do 2013 Redacción

O pulo do sector das novas tecnoloxías, en contra do que se pode supoñer, non se traduce en mellores soldos. Así nolo contan o Grupo ICSA e La Salle no seu Estudo de Remuneracións do Sector TI, presentado estes días en Barcelona e centrado principalmente en como afecta a situación económica actual, tan precaria se mire por onde se mire, para o eido produtivo das novas tecnoloxías. Segundo se fai saber na investigación, a crise é unha focha que nin sequera este sector, un dos que mellor aturou os embates económicos, é quen de salvar en materia de recoñecemento salarial. Dito doutro xeito: os profesionais das novas tecnoloxías están tan pouco valorados coma os demais.
O estudo sinala que tanto directivos, mandos intermedios como empregados apenas sobresaen respecto á media española. O informe, que contou para a súa elaboración coa colaboración de InfoJobs, tamén certifica un dato que dalgún xeito contradí o devandito: que o sector das novas tecnoloxías é un dos sectores que máis alto nivel de emprego rexistran en España, amais de ser o que probabelmente achegue mellores perspectivas de futuro, a nivel de empregabilidade.
Segundo fai saber Francesc Miralles, director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Electrónica e Informática de La Salle-URL, “aínda existindo un alto nivel de ocupación en especialidades como informática, telecomunicacións e multimedia, isto apenas se ve reflectido nunha mellor retribución”. Ao seu xuízo, “a importancia que teñen a tecnoloxía e os seus profesionais na actividade económica en España, debera ser recoñecida nos diferentes tipos de organizacións, conferíndolles meirande protagonismo na xestión empresarial”. Jaume Gurt, director xeral de InfoJobs engadiu na presentación do estudo que as vacantes no sector TI representan un 17% do total do dito portal de traballo, “sendo unha das áreas con maiores ofertas na actualidade”. Asemade, Infojobs ten identificados algúns postos de difícil cobertura como arquitecto móbil, programador ABAP ou arquitecto Java, “que poden converterse nunha gran oportunidade laboral”.

PUBLICIDADE