O proxecto galego e-Cidadania, aprobado no programa Google Summer of Code

luns, 9 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

A cooperativa galega Cidadania, da que falamos os días pasados para dar conta da súa adhesión a AGASOL, vén de incluír o seu proxecto e-Cidadania no programa Google Summer Code, na súa edición 2012, un evento internacional do devandito buscador no que participan desenvolvedores de todo o mundo enviando os seus proxectos libres para seren avaliados e, en caso de ser elixidos por un xurado de diversas organizacións, obter asesoramento para completar as iniciativas e remuneración para os estudantes que se ofrezan a completalas.
Segundo nos conta TEGNIX dende a súa web, e-Cidadania é un proxecto para dar forma a unha aplicación de código aberto centrada na participación cidadá, aplicábel a asociacións, empresas e administracións.
Lembrar que a devandita iniciativa xa foi aprobada por Google, o que significa que está aberta para que estudantes de todo o mundo participen directamente no seu desenvolvemento, sendo, como dixemos, remunerados por Google. Para traballar no proxecto teremos que inscribirnos nunha web específica do buscador, sendo as condicións que se propoñen as seguintes: traballo durante o verán (de abril a setembro), horario libre (o estudante elixe as horas que vai dedicarlle ao Google Summer of Code), retribucións de Google e réxime laboral deslocalizado (podemos facer as tarefas dende calquera lugar).
Arestora, indican os responsábeis de e-Cidadania, trátase do primeiro proxecto galego que se propón para o programa de Google. Por certo que malia que a iniciativa galega estea desenvolvida en Python e Django, non é preciso ter experiencia, de feito a idea é avaliar a tódolos aspirantes como posíbeis desenvolvedores “sen importar o nivel de coñecemento”.

PUBLICIDADE