O proxecto galego AutoFarm permítenos converter as nosas explotacións en granxas smart

mércores, 16 de decembro do 2015 Fernando Sarasketa

AutoFarm, como o seu propio nome indica, é unha iniciativa para aplicar no ámbito farm (granxas agrogandeiras do rural pero tamén acuícolas e doutros ámbitos), tecnoloxías avanzadas de xestión e control eficientes, sustentábeis, áxiles e rendíbeis. Dito doutra maneira: trátase de permitir que os responsábeis dunha explotación fagan o mesmo que facían até o de agora pero dunha maneira moito máis cómoda, segura e proveitosa. Autofarm é un dos proxectos tecnolóxicos galegos máis salientábeis da tempada, en parte polo seu propio valor intrínseco, en parte porque semella feito dende a nosa terra para a xente da nosa terra. Iso non quita que non sexa aplicábel a moitas contornas, países e sectores, que o é. Os responsábeis do proxecto, abeirados este ano á nova edición do centro de crowdworking que Telefónica ten na Cidade da Cultura de Santiago (Galicia Open Future), destacan que Autofarm logra conciliar dous conceptos que non sempre van xuntos: achegar precisión e inmediatez á par que fornecer liberdade. Falamos con Jorge Cobas, responsábel de desenvolvemento de software do proxecto.
– AutoFarm é unha iniciativa para o desenvolvemento de sistemas de automatización industrial para os sectores gandeiro, agrícola e piscícola. Ou sexa, que do que se trata é de pór en xogo nestes sectores cousas como seguimento continuo e control en tempo real, amais dun importante impulso para a produtividade, a competitividade, a eficiencia e a sustentabilidade. Podemos dicir que, en parte, AutoFarm axudaría ás nosas explotacións do rural ou da costa a converterse en explotacións intelixentes?
– Así é. Grazas a AutoFarrm o granxeiro goberna a súa explotación dunha maneira máis intelixente. Por unha banda permítelle un seguimento máis preciso (e inmediato) e pola outra unha maior liberdade. AutoFarm pode actuar en solitario (de maneira autónoma) sobre diversos aspectos do funcionamento da explotación. Un exemplo disto sería o control de temperatura da nave: o sistema permite manter un ambiente óptimo para os animais dentro da explotación. Pero ollo, o sistema tamén lle cede ao granxeiro o control último sobre os automatismos. O responsábel da explotación sempre pode modificar o comportamento do sistema ante determinadas eventualidades. AutoFarm déixalle esa liberdade. E todo, por suposto, pódese controlar a distancia.
– Nun plano detallado, de que forma concreta se pode converter – con axuda de AutoFarm– unha granxa tradicional nunha granxa intelixente? Contra que tipo de cousas axuda aos responsábeis das explotacións?
– Unha das maiores armas coas que conta o granxeiro, grazas a AutoFarm, é a información. O sistema entrégalle un coñecemento, exhaustivo e inmediato, do que está a ocorrer na instalación, gravándoo e permitindo por tanto levar un rexistro histórico de tódolos parámetros que monitoriza. Así que, o responsábel da explotación vai saber – en virtude deses datos– como está a ser a súa xestión, como influíron as decisións tomadas na rendibilidade, ou calquera outro parámetro que considere oportuno. En definitiva, permítelle saber si se está realizando unha xestión óptima da granxa.
Outro factor importante é que AutoFarm aporta tranquilidade. Neste punto temos de sinalar que ofrece un dos sistemas de alarmas máis avanzados do mercado. Favorece a resposta e xestión de calquera situación anómala, permitindo parametrizalas con gran nivel de detalle. Deste xeito, non só notifica calquera anomalía senón que permite a aplicación automática de accións correctoras para corrixir esa condición anómala. Cómpre engadir que as notificacións, que poden enviarse a través de SMS, correo electrónico ou mediante unha chamada de teléfono, poden ser dirixidas a unha ou varias persoas, ou ben a sistemas externos. Esta tecnoloxía permítenos, de inmediato, saber o que acontece, onde acontece e que accións correctoras son tomadas de xeito automático. Por suposto, sempre será o granxeiro quen terá o poder de decisión final ante un evento deste tipo, xa que Autofarm permite a conexión e toma de decisión en remoto. Isto favorece unha independencia física entre o granxeiro e a súa explotación. Non sempre hai que estar na explotación para actuar, e isto, amais da tranquilidade, outorga unha maior calidade de vida.
– De que tecnoloxías, concretamente, bota man AutoFarm? GPS? Internet? Móbil e tabletas? É necesario contar cunha conexión a Internet cun mínimo de calidade?
– AutoFarm baséase nunha arquitectura completamente modular que se apoia en estándares industriais como buses de comunicación ModBus sobre RS485. Tamén empregamos tecnoloxías IP para permitir, tanto a conectividade da explotación a Internet, como a conectividade entre os propios módulos que compoñen o sistema. O control de AutoFarm realízase mediante calquera dispositivo que poida executar un navegador podendo ser este un computador, unha tableta ou un smartphone; con independencia do seu fabricante. A nosa filosofía principal e o noso punto de partida – ao desenvolver o sistema– foi que o granxeiro sempre tivese o control da súa explotación, co que a conectividade a Internet só é requirida si se quere acceder á granxa desde o exterior. No interior da explotación disponse dunha rede Wi-Fi propia que permite o control en todo momento. Isto é moi importante porque outras solucións semellantes requiren que a granxa estea permanentemente conectada a internet para o seu control e xestión. De feito, o granxeiro realmente non se conecta á súa granxa, senón a un servidor externo propiedade da empresa fabricante da solución.
– Que sucedería se a conexión a Internet da explotación non é o suficientemente estábel? Que pasaría se este servidor ou a empresa que dá o servizo ten algún problema?
– AutoFarm é un sistema completamente autónomo, pero, dada a súa arquitectura, tamén pode funcionar de modo que varias explotacións, con independencia da súa localización xeográfica, poidan ser controladas accedendo a un servidor centralizado, xa sexa de Autofarm ou do propio cliente. Tamén está o tema da calidade requirida nas conexións a Internet. Fomos conscientes, dende o inicio, dun condicionante a este respecto: as explotacións non están preto de núcleos urbanos – onde a calidade de conexión sería óptima. Por isto, o desenvolvemento de AutoFarm fixémolo empregando redes de datos en mobilidade.
– AutoFarm forma parte do medio cento de proxectos innovadores galegos que están a ser impulsados dende o centro de crowdworking que Telefónica ten na Cidade da Cultura de Santiago, Galicia Open Future. Que nos podedes dicir sobre a vosa experiencia nesta palestra empresarial? Cales son ao voso xuízo os seus puntos fortes, aquilo do que credes que ides sacar máis cousas de proveito?
– Moi satisfactoria. É un punto de apoio moi importante para o proxecto, tanto polos medios postos á nosa disposición, como polas labores de asesoramento e mentorización impartidas a título individual. Tamén cómpre destacar o gran nivel dos profesionais que imparten os distintos obradoiros de adestramento. Todo isto axuda, e moito, a reformulación constante tanto do noso plan de negocio, como das posíbeis actividades comerciais. Amais aporta un novo enfoque máis acorde coa realidade actual do mercado. Resta subliñar, que é importante – amén de proveitosa– a posta en contacto e acceso que este foro outorga. Unha posta en contacto tanto con organismos públicos, coma técnicos e empresas; así como a relación co resto dos proxectos. Sinceramente penso que no Galicia Open Future non se debe particularizar puntos fortes: tódalas actividades, talleres e eventos teñen algo do que podes tirar proveito.
– O voso sistema está implantando a día de hoxe nalgunha granxa da nosa terra? Se é así, que nos podedes dicir sobre o desenvolvemento da experiencia? Hai datos concretos sobre as vantaxes obtidas?
– Si. De feito, todo o desenvolvemento do sistema realizouse na explotación de porcino dun dos socios fundadores de AutoFarm. Levamos dous anos xestionando esta explotación e os resultados son moi bos. Destacaría principalmente este feito: AutoFarm xerouse e testouse nun entorno real sometido ás dinámicas de mercado e ás problemáticas cotiás dunha explotación. Non somos un produto de laboratorio afastado das dinámicas da realidade. O estar día a día neste entorno posibilita coñecer cousas tan básicas – e importantes– coma os efectos que un ambiente agresivo ten sobre os dispositivos electrónicos. Alguén podería pensar que isto é simplemente domótica aplicada a granxas, pero precisamente é o medio o que marca a diferenza. E nós temos un perfecto coñecemento do medio por enfrontarnos a el a diario. Esta importante experiencia permítenos actuar en consecuencia e con solucións adaptadas. As vantaxes obtidas nestes dous anos foron múltiples: empezando pola tranquilidade que lle deu ao propietario saber en todo momento o estado da explotación, así como a alerta inmediata de calquera incidencia. Por exemplo, tivemos varías fugas en conducións de auga que o sistema detectou e informou en tempo real, evitando custos derivados deste exceso de consumo. Doutra banda, e apoiándose no histórico de datos – que o sistema vai gardando– modificáronse certas dinámicas na xestión que derivaron nun aumento directo na rendibilidade da explotación.
– Nun principio semella que AutoFarm ten aplicación principalmente nas actividades agrícolas e gandeiras do noso rural. Pero claro, o termo “farm” é moito máis amplo etimoloxicamente que o termo “granxa”. Isto podería darnos unhas claves sobre a versatilidade e a flexibilidade que lle quixestes dar ao voso sistema. É así? Trátase dunha tecnoloxía aplicábel e extrapolábel a outros nichos de actividades diferentes do agrogandeiro?
– Por suposto. É extrapolábel a calquera actividade que requira dun sistema de sensado e actuación. A vantaxe de Autofarm é precisamente o medio no que foi desenvolvido, xa que é un dos medios máis hostís que existen. Se funciona nunha explotación de porcino, funcionará con garantías en calquera outro tipo de actividade. Ademais, grazas á arquitectura do sistema, pasar dunha actividade a outra non supoñería un investimento moi grande para nós, nin en tempo nin en recursos económicos ou de persoal.
– Tendemos a pensar na tecnoloxía como algo complexo acerca do cal precisamos, si ou si, algún tipo de formación avanzada. É o caso de AutoFarm? Para tirarlle partido teremos que recibir adestramento ou se trata dun recurso tecnolóxico de doado e intuitivo manexo para o que non precisaremos de grandes coñecementos TIC?
– A facilidade de uso foi outro dos nosos obxectivos desde o inicio: coñecendo o medio fixemos un estudo dos nosos potenciais clientes e o desenvolvemento fíxose pensando neles. Sabemos que son persoas que non adoitan ter un gran coñecemento en novas tecnoloxías polo tanto creamos unha interface moi sinxela e intuitiva. Como sinalei antes, un dos socios fundadores é dono dunha explotación de porcino e isto deunos unha vantaxe moi clara. Testamos a interface cos pais deste socio. Tratase de persoas de idade avanzada e sen ningún coñecemento das TIC; iso si, con gran experiencia no sector gandeiro. Eles supervisaron e aportaron moitas ideas no desenvolvemento dun interface. Tanto é así que case o deseñaron eles. Isto garante que este sistema sexa accesíbel a calquera persoa, independentemente da idade ou coñecemento tecnolóxico. O período de adaptación é mínimo.
– Cal é o estado actual do proxecto? Está xa pronta a tecnoloxía para ser comercializada a gran escala? En que mercados queredes centrarvos?
– O proxecto xa se pode considerar estábel. Levamos dous anos funcionando nun entorno real – non de probas–, pero seguímolo desenvolvendo. Hai que ter en conta que as posibilidades deste tipo de sistemas son moitas, e que tendo un hardware xa estábel o futuro serán actualizacións de funcionalidades no software. Neste sentido, Autofarm utiliza hardware de desenvolvemento propio que permite a actualización de forma remota das novas funcionalidades que nun futuro ofrecerá o noso sistema. É dicir, Autofarm sempre estará en disposición de ofrecer aos seus clientes os últimos desenvolvementos realizados sen sequera ter a necesidade de desprazarnos á súa explotación. O noso mercado inmediato son as explotacións de porcino situadas en Galicia, co obxectivo de obter máis experiencia e recursos económicos antes de dar o salto ao mercado nacional, e posteriormente ao internacional. Nun principio, queremos seguir centrados no sector de porcino, que é onde temos experiencia e coñecemento do medio, pero non descartamos ampliar a nosa actividade en outros sectores sempre que podamos adquirir o know-how necesario para afrontar esta expansión con garantías.

PUBLICIDADE