O proxecto europeo TRAFAIR para mellorar o aire das nosas cidades preséntase este mes en Compostela

mércores, 8 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

O proxecto europeo TRAFAIR, impulsado polo CESGA, o CiTIUS da USC e o Concello compostelán co obxectivo de controlar e optimizar a calidade do ar das cidades a través de tecnoloxías avanzadas, vai ser presentado nos seus detalles este mes de xaneiro no Edificio CERSIA de Santiago. A xornada, que contará con representantes das ditas entidades, servirá entre outras cousas para mostrar a potencialidade do proxecto TRAFAIR (Understanding Traffic Flows to Improve Air Quality) para ser extrapolado a todo tipo de contornas urbanas con elevada presenza de tráfico por estrada (como é o caso de Santiago).
A iniciativa TRAFAIR, que foi galardoada este mesmo ano no Forum Pa de Roma co Premio Pa Sustentábel, vén da man dun consorcio integrado por nove organizacións de España e de Italia. O seu xermolo está na necesidade de afrontar con tecnoloxías intelixentes unha problemática moi presente nas grandes cidades. Trátase de pór en xogo unha plataforma que permita comprobar a calidade do aire de maneira rápida e eficiente e facelo cun sistema que permita tomar as mellores decisións para mellorar a dita calidade e beneficiar a cidadáns, negocios e administracións.
O proxecto TRAFAIR (Understanding Traffic Flows to Improve Air Quality) ten entre os seus retos fundamentais fornecer de estimacións de polución de aire na cidade e desenvolver un servizo de predición baseado na meteoroloxía concreta da zona e nos fluxos de tráfico reais que se moven pola cidade ademais de publicar os devanditos datos ao público.
O novo servizo, froito dos resultados de investigación do proxecto TRAFAIR, despregarase nas cidades de Santiago de Compostela e Zaragoza e as italianas Florencia, Módena, Livorno, e Pisa. O proxecto está liderado pola Universidade de Módena e Reggio Emilia (UNIMORE) e conta con nove socios, un total de catro institucións públicas por país e unha empresa de servizos. No que respecta á parte española, participan o CiTIUS, o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), o Concello de Santiago de Compostela e a Universidade de Zaragoza.

PUBLICIDADE