O proxecto europeo SUM achega tecnoloxía para evitar ataques a instalacións militares

xoves, 6 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

Un consorcio constituído polas empresas GMV (España), DLR (Alemaña), a Universidade Técnica de Múnic e a Academia Militar Belga (RMA) presentou recentemente en Bélxica os resultados dun desenvolvemento para facilitar a vixilancia de contornos urbanos a través de sensores urbanos que achegan información detallada sobre o espazo en seguimento. O proxecto chámase SUM e forma parte dun programa da Axencia Europea de Defensa (EDA), de feito trátase dunha iniciativa especialmente rendíbel para supervisión de infraestruturas militares.
Na demostración levada a cabo hai uns meses en Heverlee (Leuven), Bélxica, púxose de manifesto que con desenvolvementos deste tipo “poderase reducir de maneira moi significativa a carga de traballo do operador e achegar ao xefe de operacións datos fiábeis que axuden a garantir a seguridade do persoal”. O funcionamento de SUM é o seguinte: trátase dun sistema que recibe informacións dende catro tipos diferentes de sensores (de radar, radiométricos, de infravermellos e ópticos) e a fusión dos datos con algoritmos de índole computacional posibilita a detección de elementos novos no contorno. Isto permitiría a localización inmediata de dispositivos explosivos e a súa posterior desactivación. Os perigos aos que somete SUM son do máis variado, e xógase coa vantaxe de que o sistema pode instalarse nun vehículo de recoñecemento e afrontar así todo tipo de riscos, coa vantaxe engadida da sinxeleza de uso na interfaz, engade GMV, que facilita a información precisa ao computador para a identificación de ameazas “de xeito doado, á vez que fornece acceso aos datos achegados por cada sensor particular e a datos de mando e control”. Lembrar que GMV é un grupo tecnolóxico español especializado nos ámbitos da tecnoloxía aeroespacial, defensa, seguridade, transporte, sanidade e recursos da información. Tamén realiza traballos no eido da Administración Electrónica, facilitando ferramentas para axilizar trámites e comunicación.

PUBLICIDADE