O proxecto europeo I-Speed dará a coñecer os seus primeiros resultados en Compostela

venres, 7 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

A secretaria xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo, e máis o subdirector de Ordenación, Inspección e Planificación Turística, José Luís Maestro Castiñeiras

O proxecto europeo I-Speed vai recibir o pulo definitivo en Santiago. Cómpre lembrar que se trata dunha iniciativa de varios países da Unión (coa nosa terra concorrendo a través da Secretaría Xeral para o Turismo) destinada a permitir que as institucións locais e rexionais poidan achegar servizos eficaces baseados nas TIC que fagan máis forte e competitivo cadanseu tecido turístico. Compostela, como dixemos, será a sede, o día 20 de setembro, da conferencia final do proxecto, no que colaboran dez socios procedentes de nove países europeos no camiño do desenvolvemento sostíbel relacionado co sector da hostalería e o seu contorno (Italia –a través de Venecia-, Noruega, Polonia, Creta, Bulgaria, Gran Bretaña, Romanía e Francia), e cun orzamento de 1.402.130 euros, dos que a nosa Comunidade achegaría 152.564 a través da dita Secretaría Xeral.
Este proxecto de cooperación artellouse até o de agora en tres actuacións básicas que van ser presentadas en todo detalle o vindeiro día 20, no Hostal dos Reis Católicos de Compostela: unha guía de boas prácticas, un informe de transferibilidade e máis un informe de recomendacións políticas. Os traballos en cuestión estarán dispoñíbeis na web do proxecto, www.ispeed.eu, logo da clausura do devandito acto. O encontro vén da man da Secretaría Xeral para o Turismo, que achega a súa experiencia na creación e posta en funcionamento da Central de Reservas de Turismo Rural de Galicia, a través de Turgalicia; ou a ferramenta Comparte Galicia, que a Xunta transferiu do socio polaco do Proxecto.
Segundo informa a Secretaría Xeral, o día anterior á celebración da conferencia terá lugar o Comité de Pilotaxe entre os socios do proxecto. Está previsto que a xornada sexa inaugurada polo director xeral de Turespaña e que conte coa presenza dun membro da Comisión Europea responsable de Proxectos Europeos, así como dos representantes das rexións e países socios que explicarán a súa achega particular ao proxecto, así como que a clausura corra a cargo do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

PUBLICIDADE