O proxecto de valenciano Carlos Meri gaña o concurso para a construción do novo CESGA

luns, 1 de decembro do 2008 Fernando Sarasketa

O Centro de Supercomputación de Galicia, situado actualmente no Campus Sur de Santiago de Compostela, vai contar en breve cun novo emprazamento. Precisamente deste traslado dos equipos humanos técnicos e das características xerais que terá o novo edificio veñen de falar perante os medios informativos o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, e máis o coordinador institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas en Galicia, Uxío Labarta. Ámbolos dous representantes do tecido público da innovación coincidiron na importancia estratéxica para a investigación galega deste novo chanzo na traxectoria do CESGA e, máis polo miúdo, para os labores vinculados ao cálculo intensivo e ás comunicacións avanzadas (predición de incidencias do clima, loita contra doenzas, axuda na produción de fármacos, etc).
O encontro cos medios tamén serviu para dar a coñecer o nome do arquitecto encargado dos traballos vindeiros de elaboración do proxecto da nova sede: o valenciano Carlos J. Meri Cucart, quen tamén estivo no acto celebrado en Compostela e que resultou gañador do certame de ideas convocado para tal efecto, optando agora á redacción do proxecto técnico e á dirección de obra do edificio.
Por certo que o segundo galardón foi dar ao estudo de arquitectura coruñés Collarte Architects Studio, recaendo os tres accésits en Estudio Santos Zas & Graíño Nieto Arquitectos; David Ferrero Antón & Pablo Palomino-Llaguno Calvo e Irisarri-Piñera.
Segundo informa a Consellería de Innovación o xurado estivo composto por representantes do CESGA, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e varios vocais designados a proposta do CESGA, do COAG, da Consellaría de Vivenda e Solo e dos propios concursantes. O proxecto de Meri resultou gañador, sinalou o xurado, “pola súa calidade arquitectónica e a súa integración na paisaxe, a funcionalidade e accesibilidade do edificio, así como pola flexibilidade e versatilidade da proposta espacial”. Polo que respecta ao segundo premio, o equipo responsable do certame salientou “a distribución espacial xeral, a súa distribución en dous bloques e o esforzo por aportar solucións para a ordenación da tecnoloxía”. Por último, dos tres accésits o xurado apuntou ao valor arquitectónico dos conxuntos.
Polo que respecta aos apoios orzamentarios, dicir que o novo edificio do CESGA contará cunha partida de 25,5 millóns de euros, en boa medida achegados polos fondos FEDER. Esta contía será destinada -entre outras actuacións- á compra do terreo (no polígono industrial da Sionlla), a execución da obra e a dotación tecnolóxica do novo complexo. A Consellería de Innovación e o CSIC actúan neste proxecto como socios-propietarios do centro, situándose os prazos de execución da obra nun período de dous anos a partir do remate dos trámites administrativos arestora en curso.

Características do edificio

O edificio, que estará situado no Parque Empresarial de Santiago de Compostela na Sionlla (Santiago), ocupará unha superficie construída de 3.904 m2 e terá capacidade abonda para dar acollida a máis de 200 investigadores e tecnólogos que traballen no novo CESGA, que incluirá o Centro como Infraestrutura Científico Tecnolóxica Singular do Estado e o Centro de Investigación de Excelencia en Ciencia Computacional.
As dependencias, engade a Consellería de Innovación, están deseñadas para ser obxecto de máis que posibles ampliacións, tanto por requirimentos propios do CESGA como para poder aloxar novos centros e institucións de I+D+I.
A proposta gañadora estrutúrase en dúas edificacións que ocupan a cuarta parte da superficie da parcela. O edificio contará con espazos de usos comúns, como o auditorio, biblioteca, salas de xuntas, gardería, cafetaría e conserxería, coa finalidade de compartir custos operativos en previsión das ampliacións e novas construcións que se produzan.
Así mesmo, o edificio principal terá 3 andares e destinarase aos espazos específicos do centro que inclúen as actividades propias do CESGA. Neste emprazaranse as infraestruturas de supercomputación, que disporán dunha superficie de 840 m2, e as áreas de despachos e traballo en diferentes módulos que garanten a versatilidade e luz natural grazas aos patios interiores e a súa orientación leste. Así mesmo, disporá de paneis solares e espazos libres axardinados.

O arquitecto

O arquitecto valenciano Carlos Meri é responsable –entre outros edificios de gran interese diseminados polo territorio español– de obras como o Instituto de Ondara, o Colexio Público en Picassent, a Cidade da Xustiza de Murcia, o Centro Cultural de Albacete, o Centro de Discapacitados en Sagunto ou o Paseo Elevado no Porto de Valencia. Asemade, foi declarado gañador no concurso para o Edificio das Artes do Campus de Pontevedra. Meri, un arquitecto que segundo os especialistas en nova construción basea unha boa parte dos seus traballos na súa dimensión máis humana e na importancia de integralos no conxunto no que se insiren, apoiou recentemente a campaña levada a cabo en Valencia para a preservación do barrio de El Cabanyal, un enclave de importancia histórica e artística que se converteu os meses pasados nun símbolo do patrimonio ameazado polo progreso a toda costa e que, finalmente, semella que perdeu a partida. E perdeuna con quen supostamente debía preservalo: o Concello.

PUBLICIDADE