O proxecto de rutas turísticas 2.0 de Ponteceso é finalista nos premios europeos Patrimonio en Movemento

venres, 28 de marzo do 2014 Redacción

O proxecto GAC Ponteceso Os Camiños do Mar, do que temos avanzado algunhas liñas en Código Cero, vén de proclamarse finalista nos premios europeos sobre patrimonio Heritage in Motion, galardóns cuxo palmarés darase a coñecer os vindeiros días e entregaranse o 25 de abril en Glasgow, Escocia. Os Camiños do Mar foi elixido para competir na recta final do certame como candidato a mellor aplicación móbil polo seu importante labor de divulgación da riqueza natural e etnográfica da Costa da Morte. Máis polo miúdo e segundo nos contan os responsábeis de Aporta Comunicación, empresa co-responsábel do desenvolvemento tecnolóxico do proxecto (unha iniciativa do Concello de Ponteceso con fondos europeos), chegará ao máis alto de Heritage in Motion pola súa capacidade de transmisión do patrimonio tanxíbel e intanxíbel do concello coruñés e contorna a tódolos grupos de idade.
A iniciativa concorre, como dixemos, na categoría de aplicacións móbiles. Os galardóns Herigate in Motion (en galego Patrimonio en Movemento) entregaranse o vindeiro 25 de abril en Glasgow no transcurso dunhas xornadas bianuais organizadas polos promotores (25 e 26 de abril). Os Camiños do Mar é unha iniciativa de promoción turística baseada nas TIC que a finais de 2012 promoveu o Concello de Ponteceso con financiamento europeo a través do GAC3 Costa da Morte. A redacción e execución do proxecto foi responsabilidade das empresas Aporta Comunicación e Valora Consultores; mentres que o soporte tecnolóxico correu a cargo de Wireless Galicia.
Segundo nos contan fontes de Aporta, Patrimonio en Movemento é unha iniciativa multimedia, de carácter bianual, patrocinada por Europa Nostra e a European Museum Academy. Os seus obxectivos son, por unha parte, chamar a atención sobre os mellores produtos tecnolóxicos que pon en valor o patrimonio europeo en todas as súas facetas (cultural, natural, material e inmaterial). Pola outra, utilizar as novas tecnoloxías como canle de transmisión actual, innovadora e creativa para atraer e inspirar á xente de todas as idades, sobre todo aos máis novos, para experimentar e coñecer de primeira man a herdanza histórica que dá sentido ás súas comunidades.
Europa Nostra, pola súa parte, é unha organización cidadá formada por preto de 2.000 membros destinada a salvagardar o patrimonio europeo a través de diversas accións como convocatoria de premios, campañas de promoción e grupos de presión (lobbying). A European Museum Academy céntrase en estimular o pensamento innovador nos museos europeos. É unha entidade internacional sen ánimo de lucro establecida nos Países Baixos, auspiciada polo Consello de Europa co patrocinio da Raíña Fabiola de Bélxica.
En días pasados, segue a informar a firma galega Aporta, o comité de selección comunicou aos candidatos o seu nomeamento nalgunha das cinco categorías do premio: vídeo, páxinas web, aplicacións móbiles, xogos ou mellores logros, relacionadas á súa vez coa temática educativa, lúdica ou informativa. A finais de abril, durante o congreso bianual, un xurado internacional elixirá os ganadores de cada sección durante a gala Heritage in Motion Festival Awards.
Volvendo á iniciativa galega recoñecida neste certame (ser finalista xa é un enorme recoñecemento), dicir que leva en activo aproximadamente un ano e medio. A través dela, convidouse a milleiros de viaxeiros a gozar das súas estadías en Ponteceso “dun xeito experiencial”, permitíndolles achegarse plenamente ao territorio e indo máis aló da gastronomía, das praias ou da contemplación da paisaxe. A través de dúas rutas (Camiño da Ribeira e Pondalina) sinalizadas e xeolocalizadas mediante unha trintena de paneis interactivos, o visitante ten a oportunidade, en palabras dos seus responsábeis, “de coñecer de cheo a interesante relación do concello co mar, co transporte marítimo, coa cultura mariñeira e coa contorna que rodea ao litoral pontecesán sen guías presenciais, só empregando un teléfono intelixente ou smartphone”. Cada un dos paneis leva incorporadas tres vías de acceso aos contidos acubillados na plataforma iBeaken: código QR, antena NFC e código de acceso á web corporativa. O usuario elixe aquela coa que se sinta máis cómodo no intre de comezar a camiñada. Segundo nos lembran as empresas desenvolvedoras do servizo, o sistema iBeaken estase a empregar nos principais museos de Europa e por vez primeira en Ponteceso en 2012. E engaden: “Hai que recordar que a aposta por esta tecnoloxía converteu os itinerarios de Os Camiños do Mar nas primeiras rutas 2.0 da Costa da Morte”. Ademais, salientan que o artellamento destes roteiros implicou unha mínima pegada na contorna, o que permitiu reducir o impacto no medio natural e vertebrar vieiros naturais con acceso a información turística e xeolocalización GPS.
Por certo que esta iniciativa galega tamén ten presenza nas redes sociais Facebook, YouTube, Flickr e Panoramio onde, en palabras dos seus desenvolvedores, “está a acadar un notábel seguimento e aceptación”. En concreto, sinalan, “o potencial dos 27 vídeos queda patente coas case 8.200 reproducións e os máis de 22.000 minutos visualizados por usuarios de España, a maioría, pero tamén en países como Suíza e outros da Unión Europea (Italia, Reino Unido, Alemaña, Portugal, Francia, Países Baixos,...) ou de Estados Unidos, Canadá, Australia, Rusia e incluso Xapón”. En canto ás consultas dos contidos iBeaken durante o percorrido polas rutas Camiño da Ribeira e Pondaliana, desde o lanzamento da plataforma recibíronse máis de 7.400 visitas, rexistrándose descargas todos os meses.

PUBLICIDADE