O proxecto TIC para pór freo ao terrorismo nas cidades europeas conta con tecnoloxía galega

venres, 26 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Poden as tecnoloxías intelixentes, baseadas no seguimento e na análise pormenorizada da información masiva, converter as nosas cidades en lugares mellores para vivir, máis pacíficos, solidarios e amigábeis? A resposta, se temos en conta as metodoloxías, os obxectivos e os primeiros resultados do proxecto PRACTICIES, no que hai colaboración galega, é a todas luces positiva. Trátase, máis en detalle, dunha iniciativa europea destinada a crear unha rede de cidades que poidan identificar procesos de radicalización como medida de prevención. PRACTICIES, financiado pola Unión Europea, conta dende a súa orixe co apoio do Centro Tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo.
O proxecto ten a súa orixe nos recentes atentados terroristas perpetrados en diversas cidades europeas, e representa un exemplo perfecto de como a tecnoloxía pode converterse nun elemento para mellorar a calidade de vida das persoas e, máis polo miúdo, a súa seguridade. A misión do centro tecnolóxico galego ao abeiro de PRACTICIES (acrónimo de Partnership Against Violent Radicalization in the Cities) é a de desenvolver e achegar un feixe de tecnoloxías completas que axuden a identificar indicios de radicalización nos medios sociais, como Twitter, Facebook ou foros de conversa, para que outros expertos en seguridade determinen que facer e como actuar.
Un dos piares do proxecto é a súa metodoloxía de colaboración e traballo en equipo, tal e como se apunta no propio nome da iniciativa dende o primeiro dos seus termos: partnership, ou, o que é o mesmo, alianza. Do que se trata, basicamente, é de pór en contacto a diferentes axentes para que traballen ao redor dun obxectivo común (os obxectivos de seguridade de PRACTICIES), neste caso convocando institucións nacionais, rexionais e locais responsábeis de aplicar políticas dirixidas a previr a radicalización, así como investigadores, familias, asociacións, representantes da sociedade civil ou organizacións tecnolóxicas especializadas, como é o caso de Gradiant.

PUBLICIDADE