O proxecto Smart City de Lalín quere mellorar a xestión dos estacionamentos da zona azul
martes, 26 de febreiro do 2019
- Exterior da casa do concello de Lalín
O
Concello de Lalín, ao abeiro do
seu proxecto Smart City, está a preparar a futura posta en
marcha dun sistema automático de xestión da zona azul de
estacionamento. Con esta iniciativa, que neste intre está en fase de
consulta preliminar no mercado, o Goberno local pretende dar solución
aos problemas detectados coa actual xestión de estacionamento
regulado (que se basea na colocación de discos detrás do parabrisas
dos vehículos), poñendo en xogo tecnoloxías avanzadas de
seguimento, localización e comunicación que aseguren a eficacia, a
sustentabilidade e a seguridade.
O
proxecto foi dado a coñecer hoxe polo tenente de alcalde, Nicolás
González Casares, que sinalou que o obxectivo da dita consulta é
“recoller información dende os operadores económicos que permita
ao Concello mellorar o proceso de planificación e elaboración de
pregos de este expediente para que redunde finalmente nunha mellor
contratación do mencionado servizo”.
En
termos máis concretos, búscase eliminar a presenza e utilización
dos devanditos discos distribuídos polo Concello e facilitar o uso
destas zonas por parte da cidadanía en calquera horario, minimizando
tamén o tempo que é necesario adicar ao seu control por parte da
Policía Local (evitarase que os axentes estean obrigados a percorrer
de continuo as rúas de estacionamento azul).
As
rúas nas que se aplicará o novo sistema automatizado de xestión da
zona azul son todas as que actualmente contan con esta regulación:
Principal, Joaquín Loriga, Pintor Laxeiro, Calvo Garra, Antonia
Ferrín, avenida Luís González Taboada, Pintor Colmeiro e alcalde
Ferreiro.