O proxecto Galicia na Rede procurará ordenar a presenza da Xunta na Internet

xoves, 30 de xullo do 2009 Redacción

Modernización presentou o proxecto Galicia na Rede no Consello da Xunta

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica presentou hoxe ao Consello da Xunta o proxecto Galicia na Rede. Este proxecto supón un novo modelo da presenza da Xunta e do conxunto da Administración pública de Galicia na Internet.
Na actualidade, o portal Xunta.es está máis centrado na propia Administración que nos cidadáns, moi condicionada pola estrutura organizativa dos departamentos da Xunta, polo que amosa escasa utilidade real xa que apenas ofrece contidos e servizos de interese para a cidadanía. A isto súmase a forte dispersión das iniciativas dentro da Administración pública de Galicia, de explotación da Internet con máis de 200 portais corporativos, funcionais ou temáticos que provocan un escaso aproveitamento horizontal e duplicidade de servizos, e unha multiplicidade tecnolóxica que ocasiona unha barreira para a integración de contidos e servizos no portal corporativo e o seu desenvolvemento avanzado en relación co usuarios.
Ante esta situación o proxecto Galicia na Rede supón a posta en marcha dun novo modelo de presenza da Administración pública galega na Internet co obxecto de recuperar a función estratéxica como canle de comunicación de referencia, como portal de servizos orientados ao cidadán e de acceso a Administración electrónica. E debe ser capaz de proxectar unha imaxe da Administración galega e de Galicia no exterior. Promoverá escenarios de participación evolucionando cara ao concepto da web 2.0 e incrementar contidos orientados a difusión da imaxe de Galicia e non unicamente da súa actividade institucional.
O proxecto non se limita á web institucional Xunta.es senón que comprende todas as webs vinculadas á Administración pública, permitindo compatibilizar un portal corporativo de referencia coas iniciativas na Internet que acometan as distintas consellerías e racionalizar os recursos humanos, tecnolóxicos e económicos dedicados á presenza da Xunta na internet.
A partir de outubro porase en marcha unha enquisa aos cidadáns coa que se busca obter información sobre o perfil do cidadán que se achega á Xunta a través da internet, así como dos servizos que espera recibir a través desta canle desde a Administración pública.

PUBLICIDADE