O proxecto Ecosociedade bota man dos videoxogos para divulgar a biodiversidade mariña das Rías Baixas

martes, 25 de xaneiro do 2022 S. P.

A Universidade de Santiago participa nun proxecto que tira proveito dos videoxogos para incrementar nos escolares o coñecemento, a formación e o diálogo en relación aos medios naturais das Rías Baixas: o proxecto Ecosociedade. Os videoxogos en cuestión veñen da man de Polygon.e Studios e compleméntanse cunha unidade didáctica concibida polo que equipo de investigación de Ecosociedade, con ilustracións de Clara Cerviño. A través desta iniciativa conséguese que os escolares teñan coñecemento real e directo dun dos nosos grandes tesouros ambientais: a biodiversidade mariña das Rías Baixas.
Financiada pola Fundación Biodiversidade, este proxecto contou coa participación do sector empresarial, da sociedade civil e dos centros educativos, co obxectivo de “promover a colaboración entre os axentes para mellorar a conservación da biodiversidade mariña e a planificación e uso dos servizos dos ecosistemas mariños (SEM)”.
Ao longo do seu desenvolvemento, Ecosociedade afondou no coñecemento das investigacións realizadas sobre os servizos ecosistémicos das Rías Baixas. A través de grupos de traballo con empresas vencelladas a este espazo identificáronse as interaccións do sector co SEM, ademais de “establecer unha estratexia de participación social e empresarial dende unha perspectiva de desenvolvemento sustentábel”.
No encontro de presentación de resultados participaron o profesor Sebastián Villasante e os investigadores Ana Tubío e Pablo Pita do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC, e Carlota Barañano.
Os relatores destacaron “a interdisciplinariedade da Ecosociedade”, xa que nela participan expertos no ámbito da bioloxía, a economía e a participación cidadá. Ademais, insistiron na necesidade de “ter presente a conservación da biodiversidade mariña nestas zonas para que nelas se poidan desenvolver actividades que permitan servizos ecosistémicos”.
Bluescola
Outra das accións realizadas en Ecosociedade foi o programa educativo Bluescola, unha actividade formativa na que participaron cinco centros educativos de Pontevedra e Vigo. A través de videoxogos, desenvolvidos por Polygon.e Studios, e dunha unidade didáctica, o alumnado achegouse á biodiversidade mariña das Rías Baixas e á importancia da súa conservación para o benestar humano, co obxectivo de promover a conciencia ecolóxica nas futuras xeracións, segundo explicou Miguel Areán, de Polygon.e Studios.
Os seguintes obxectivos no marco de Ecosociedade, con novas investigacións a realizar na zona, céntranse en xerar un maior grao de compromiso e novas estratexias de actuación, tanto a nivel social como empresarial.

PUBLICIDADE