O programa formativo Galegas Dixitais desembarca en Nigrán

venres, 1 de setembro do 2023 S. P.

Dende esta semana e até o 11 de setembro estará aberta a inscrición para as mulleres de Nigrán que queiran dar un novo paso en materia de capacitación tecnolóxica. Trátase do programa Galegas Dixitais, unha iniciativa autonómica de formación de balde dirixida á poboación feminina de concellos de menos de 30.000 habitantes. Desenvolverase dende o 18 de setembro ao 30 de outubro.
As persoas interesadas deberán presentar o formulario de inscrición no Rexistro Xeral do Concello de 9.00 horas a 13.00 horas ou a través da sede electrónica, acompañada da tarxeta de desemprego ou tarxeta de mellora de emprego.
A través desta iniciativa achéganse competencias dixitais básicas (40 horas), competencias dixitais avanzadas (40 horas) e competencias dixitais para o emprendemento (40 horas).
Terán preferencia para participar as mulleres de Nigrán en situación de desemprego. As actividades levaranse a cabo de luns a venres no Centro Antena daa rúa Otero Pedrayo, en horario de mañá e tarde.
Galegas Dixitais conta co financiamento da Unión Europea NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Organizado por Beproject Consultores e Ara Formación, ten como obxectivo concreto “mellorar as capacidades dixitais das participantes”. No Facebook de Galegas Dixitais podemos consultar o calendario das restantes actividades e paradas nos concellos da xeografía galega.
As mulleres que se inscriban nesta iniciativa poderán obter os seguintes resultados:
- Aprender a usar as novas tecnoloxías tanto para o día a día como para o seu traballo ou negocio.
- Mellorar a súa capacidade de empregabilidade.
- Levar un ordenador portátil totalmente gratuíto.
Participar neste programa é totalmente de balde xa que o programa está promovido pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e financiado a través dos fondos Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea.

PUBLICIDADE