O programa de teleaprendizaxe da Rede de Dinamización recibiu 900 solicitudes de inscrición

mércores, 28 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información da Consellería de Innovación vén de por en marcha un Plan de Teleformación para a Cidadanía no que se oferta un catálogo de diversos obradoiros TIC en liña dirixidos a persoas cuns coñecementos mínimos en informática. Estes obradoiros contan con materiais didácticos así como co asesoramento dun equipo de titores e titoras e poderán ser realizados polos usuarios e usuarias “cando, como e onde queiran, ao seu ritmo”.
Os interesados en formalizar a súa inscrición nestes obradoiros poden facelo dende a web da Rede de Dinamización onde, a través dun banner situado na parte esquerda, tamén poden acceder de maneira directa a un catálogo cos obradoiros ofertados. A primeira edición deu comezo este 26 e posteriormente, segundo a demanda, haberá outras sucesivas. Con todo, as probabilidades de que haxa máis convocatorias son altas, sobre todo se temos en conta o nivel de interese que está a espertar a primeira quenda: a demanda de prazas, informa a Consellería de Innovación, resultou ser tan grande dende o primeiro día que na primeira xornada (a do 26 de xaneiro) contabilizáronse preto de 900 solicitudes recibidas para a matrícula na oferta formativa en liña que achega a Rede.
A temática dos obradoiros ofertados é variada e a duración de todos eles oscila entre as cinco e as sete horas, tralas que, os asistentes, recibirán un certificado acreditativo de ter asistido ao curso.
A listaxe completa dos obradoiros dispoñíbeis é a que segue:
1. Internet para persoas maiores
2. Aspectos legais nas Novas Tecnoloxías
3. Navegación segura na Internet
4. Opera co teu banco ou caixa a través de Internet
5. Recursos na Internet para inmigrantes
6. Sácalle rendemento á cámara dixital
7. Retoque fotográfico
8. Realización de Mailing
9. Procesador de textos
10. Folla de cálculo
11. Presentacións
12. Comunicacións dende o teu computador: correo electrónico, faxe e teléfono.
13. Busca de emprego a través da Internet
14. Axiliza os teus trámites coa Administración Pública a través da súa oficina virtual
15. Contas con Calc
16. Iniciación á Informática
17. Iniciación á Internet
18. Correo electrónico

PUBLICIDADE